-Como foi a súa participación nas marchas contra a instalación da central nuclear de Xove?
O proxecto da central nuclear de Regodela anunciouse en novembro de 1973, mais a primeira marcha contra esta instalación foi en abril de 1977 e foi a pé desde Viveiro a Xove. Porén, entre os anos 1973 e 1977 houbera xa unha intensa actividade informativa. Quen fixo esa actividade? Pois debemos lembrar que non había partidos políticos legalizados, os partidos nacionalistas foron legalizados máis tarde; en 1977 aínda non se legalizara. Entón, quen estaba detrás das actividades informativas estaban as agrupacións culturais. A primeira mesa redonda sobre a central nuclear faise en Lugo organizada polo Club Cultural Valle-Inclán. Aí participaron un enxeñeiro da central nuclear de Zurita, unha persoa do Valle-Inclán e Xosé Manuel Beiras, daquela profesor de Economía. A segunda mesa redonda organízase en Viveiro na biblioteca municipal. Aí participa o daquela alcalde de Xove, Jesús López González, tamén participa Beiras e un enxeñeiro do Concello de Lugo que se chamaba Mario Iglesias. Esta segunda mesa redonda foi organizada pola Agrupación Cultural Sementeira. A asociación nacera en 1972, no 1976 organizou as festas patronais de Viveiro, mais durante os primeiros anos dedicouse a mover información sobre a central nuclear e desde o punto de vista de asociación cultural pois os partidos non estaban legalizados.
-Aínda así había forzas políticas xa daquela.
Os partidos nacionalistas estaban na clandestinidade xunto con sindicatos, fundamentalmente Comisións Labregas e un equipo de xente que se chamaba Comités de Axuda á Loita Labrega. Estes últimos estaban formados fundamentalmente por axentes de extensión agraria, moitos deles militantes nacionalistas e tiñan traballo en Ribadeo e en Viveiro. Tamén participou o sociólogo Ramón Muñiz de las Cuevas, que era militante da UPG, quen foi o iniciador en certo sentido desa loita. Outra organización que participaba era a Asemblea Popular Galega, posteriormente disolveuse para dar paso nos 80 ao BNG actual. Toda esta amálgama participaba na organización. Durante a presentación que fixen en Foz de ‘Xove. Democracia Nuclear’ do director Pedro Lechuga, decribín todo o traballo desenvolvido por Sementeira.
-Dentro desa loita contra a nuclear, houbo reivindicacións paralelas?
Na presentación do filme en Foz falarei da loita das mulleres tanto labregas, algunha aínda vive, tanto en Xove como rapazas novas, estudantes e axentes de extensión agraria.
-Cando foi a segunda marcha contra a nuclear?
Esa marcha estaba autorizada e saíu de Viveiro e acabou na praia de Esteiro en Xove, moi perto de onde se ía instalar a nuclear. A de 1977 non estaba autorizada mais a xente comezou a xuntarse e a camiñar. Con todo, a de 1979, a pesar de estar autorizada, o concello emitiu un documento onde deixa ver a súa postura contraria á marcha debido a que podería causar disturbios.
-Como chegara a noticia da instalación do reactor en Xove?
En novembro de 1973 a noticia sae en El Progreso de Lugo anunciada polo Goberno civil. Desde ese momento, todo 1974, 1975, 1976 até abril do 1977, todo foi unha actividade continua con manifestacións, mesas redondas, debates e moita actividade, sobre todo por parte das asociacións culturais, as Comisións Labregas e Axuda á Loita Labrega. Dicir que o director do documental, Pedro Lechuga, é leonés e hai uns anos traballou sobre outro proxecto nuclear nunha localidade leonesa chamada Valencia de Don Juan. Traballando sobre isto foi como soubo da loita en Xove contra a nuclear. Por iso quero dicir que hai unha historia descoñecida, que busco poñela en valor pois non a coñece moita xente nova. Aquí fomos uns avanzados nas loitas contra as instalacións nucleares. Sempre digo que se este país fose máis amable consigo mesmo, coñeceríase mellor esta historia nesta zona.
-Coñecíanse os motivos polos cales se buscaba instalar a central xovense?
Galicia era unha grande produtora de enerxía eléctrica, estaban previstas máis industrias deste tipo, de enclave, industrias que extraen a materia prima dun lugar e a transforman noutro e Galicia estaba dentro dese deseño industrial. Por que abandonaron o proxecto? A min gustaríame dicir que foi pola oposición contra del, mais é posible que nese momento xa non fose interesante.
-A xente que se mobilizou procedía de toda Galicia?
Nas manifestacións de 1977 e 1979 viñeron de toda Galicia movidas polas organizacións nacionalistas fundamentalmente. Tamén houbo pequenas manifestacións como algunha en Viveiro, houbo unha mesa redonda transcrita nun libro. Nela participaron Pedro Costa Morata, un ecoloxista creo que é murciano, o profesor da USC que era Bermejo e López-Suevos que era economista. A reunión foi importante e houbo que trasladala a unha sala de festas por falta de capacidade na biblioteca municipal. Tamén se publicara outro libro sobre a central nuclear de Xove escrito por Ramón Varela, onde xa se daban alternativas como a enerxía eólica. Nas manifestacións participou moita xente de fóra mais tamén de aquí. De feito, na Asociación Cultural Sementeira déronse moitos socios de baixa porque estaban en contra de facer unha campaña informativa, de aí que apuntaran que Sementeira facía política e iso non podía ser así. Tamén na prensa houbera artigos en contra das manifestacións.