O Comité de Centros de Atención Primaria da área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos denuncia unha situación “caótica” no centro de saúde de Viveiro pola ausencia de cinco médicos dun persoal de sete facultativos na quenda de mañá.
Nun comunicado, alerta de que esta situación é continuada desde o pasado 2 de novembro, o que provocou a anulación de axendas ordinarias, “limitándose unicamente á atención urxente”, de forma que quedan sen atender os procesos non urxentes.
As organizacións sindicais que compoñen o Comité (CC.OO., CIG-saúde, CSIF, Omega, Satse,UXT e USAE) avisa de que a situación que se vive en Viveiro “é moi grave”, pois “coa escusa que continuamente pon a xerencia de falta de médicos non só estase vulnerando o dereito fundamental á protección da saúde das persoas, senón que se está sobrecargando ás e os profesionais ata límites insoportables”.
Igualmente apúntase á afectación a centros como o do Vicedo, onde se substitúen a facultativos con prolongacións de xornada de catro horas, mentres que en Ourol “non se substitúen moitas das ausencias”. Tamén se alerta da situación de “emerxencia” do servizo de pediatría de Viveiro, coa falta de dous pediatras de persoal, onde tamén se atenden nenos de localidades como Ourol e O Vicedo. Por todo iso, esixe á xerencia da área sanitaria que dea unha solución ante estes “graves problemas” e a súa “nefasta” xestión.