O Concello de Viveiro entrega este venres 1 de decembro o V Premio de Novela Vilar Ponte. O acto terá lugar ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz.
A obra galardoada no certame organizado polo Concello foi ‘Pero… Como morren as pegas?’ de Óscar Manuel Guzmán Álvarez. Resultou finalista ‘Letras azuis sobre formigón gris’, de María Cristina Rey Vázquez.
O xurado do concurso estivo conformado polo historiador e cronista oficial da vila Carlos Nuevo Cal, o investigador e crítico literario Armando Requeixo Cuba e a xornalista cultural Montserrat Dopico González.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “agradece a todos e todas as concursantes a súa participación nesta nova edición do concurso, e ao xurado a súa disposición para ler as diferentes obras e tomar unha decisión que non foi doada, dada a gran calidade do material presentado”.
O xurado destacou sobre a obra gañadora “a habelencia para espellar un mundo de intrigas que nos convida á investigación por parte da Policía Nacional dunhas mortes producidas en estrañas circunstancias, que han levar a trama na súa resolución por terras ourensáns e do norte de Portugal”.
“Escrita con grande oficio e coñecemento da realidade policial e dos opacos territorios da delincuencia das pequenas mafias, esta novela achega tamén un mosaico de fascinantes personaxes que se complementan para debuxar un acabado fresco das túrbidas esferas do delictivo”, engade o xurado.
Respecto da obra finalista, apuntan que “ensambla a historia colonial coa realidade galega da emigración desde unha visión crítica abordando cuestións como a desigualdade social, o abuso de poder, a familia ou a amizade”. “É unha novela de protagonismo feminino que incide na necesidade dos lazos de sororidade para enfrontar as situacións máis difíciles da vida dos personaxes”, conclúen.