O Concello de Viveiro presentou hoxe unha serie de novos servizos e utilidades na recollida de lixo e a limpeza viaria para facilitar á veciñanza unha correcta xestión dos residuos; mellorar a percepción xeral do entorno urbano nunha zona tan emblemática como é o casco histórico, e optimizar os servizos de recollida de lixo no rural.
“Coa implantación dos novos servizos, agardamos optimizar a calidade e o correcto funcionamento do servizo, para o que requerimos da colaboración e participación de todas e todos os viveirenses, que se animen a reciclar máis e mellor, e así facer de Viveiro un concello cada vez máis sostible”, asegurou a tenente de alcaldesa e responsable da área de medio ambiente, Míriam Bermúdez.
Os novos servizos foron presentados esta mañá diante do concello, nunha rolda de prensa á que tamén asistiron a alcaldesa, María Loureiro; persoal da empresa FCC, e Marco Paraños, que deseñou a nova imaxe e rotulación do servizo.
María Loureiro destacou “a aposta do noso concello para mellorar o servizo, que continúa hoxe coa chegada dos novos vehículos e coa posta en marcha de iniciativas para mellorar a reciclaxe en zonas tan emblemáticas como o casco histórico”.
“A nova imaxe da área de medio ambiente, baixo o lema Viveiro Sostible, acompañará a tódalas actuacións que desenvolva a Concellería de Medio Ambiente; á hora de deseñar o novo logo, que pretende ser un emblema para o Concello de Viveiro, contactouse con Marco Maraños, artista local e tatuador, quen reflexou á perfección a idea que queríamos”, explica Bermúdez.
O logo deseñado empregouse na rotulación dos novos vehículos do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, que hoxe se presentaron. O suministro dos vehículos fíxose de forma gradual: algúns deles veñen prestando servizo dende hai meses, e a súa entrega demorouse debido á crise de compoñentes provocada pola pandemia da Covid e a guerra de Ucrania, quedando aínda pendente o subministro dos vehículos destinados á recollida de residuos.
Hoxe presentouse tamen a nova aplicación de incidencias (app), Viveiro Avisos, que pode ser descargada dende a Google Play Store para dispositivos Andoid ou dende o enlace https://viveiro.fccma.com/#/ para dispositivos IOs.
Nesta aplicación, tódolos cidadáns poden rexistrar incidencias observadas tanto no servizo de recollida de lixo (lixo sen recoller, colectores rotos) como de limpeza viaria (excrementos non recollido, pintadas, manchas).
“Tamén se pode solicitar a recollida domiciliaria de enseres, que é un servizo inda pouco coñecido pola cidadanía e que é necesario poñeer en valor, xa que na actualidade aparece un número moi elevado de enseres depositados en vía pública sen aviso”, engadiu Bermúdez.
OFICINA
FCC, a empresa concesionaria do servizo de limpeza, poñerá en marcha o próximo día 11 de decembro a oficina de atención cidadá, que estará situada na rúa Teodoro Quirós Nº7, pegada á oficina da Policía Local. Na oficina atenderase calquera reclamación, suxerencia ou observación que poida ter a veciñanza, ademáis de anotar as recollidas domiciliarias de enseres e ofrecer a toda a información relativa ó servizo.
“Igualmente, queremos presentar hoxe o novo servizo de recollida da fracción orgánica que se poñerá en marcha o próximo día 18 de decembro”, afirmou a tenente de alcaldesa.
Para o desenvolvemento deste servizo de recollida, situaranse na vía pública colectores marróns con apertura restrinxida mediante chave. Os colectores serán situados na vía pública en diferentes puntos do casco urbano de Viveiro, xunto cos núcleos de Celeiro e Covas, e irase extendendo de forma gradual en función da demanda. A recollida do residuo realizarase 3 veces por semana e será depositado na planta de compostaxe recentemente posta en marcha en Cervo.
A xestión de fracción orgánica no rural farase a través da compostaxe, para o cal o ano pasado xa se levou a cabo unha entrega de 300 composteiros, “e agardamos durante o ano 2024 facer unha segunda entrega a todas aquelas persoas que estean interesadas”, afirma Míriam Bermúdez.
“Melloraremos tamén a recollida selctiva no rural coa implantación gradual dunha illa de reciclaxe en cada parroquia, que completan o servizo de punto limpo móbil que retomaremos na vindeira semana”, sostén a tenente de alcaldesa.
Finalmente, e coincidindo coa posta en marcha do servizo de recollida da fracción orgánica, poñerase en marcha o servizo de quita e pon de colectores no casco histórico.
Coa posta en marcha deste servizo eliminaranse os colectores na vía pública no ámbito do casco histórico, que provocan frecuentes problemas de suciedade e cheiros, substituóndose por un servizo de retirada e colocación diaria de colectores.
Este servizo, consistirá na colocación diaria de colectores en 16 ubicacións do casco histórico, que coinciden coas ubicacións actuáis máis cinco novas ubicacións.
Esta colocación realizarase de forma diaria a partir das 18:00 horas, estando os colectores disponibles para a súa utilización ata a mañá do día seguinte ás 06:00 horas.
Xunto cos colectores de fracción resto vaise facilitar por primeira vez o acceso á recollida selectiva para os habitantes e negocios do casco histórico, que ata agora non dispoñían.