InicioOccidentalViveiroLara Fernández: "É necesario darlles voz aos máis novos sen ter que...

Lara Fernández: “É necesario darlles voz aos máis novos sen ter que mediar un adulto”

Viveiro acaba de entrar como candidata ao título de Cidade Amiga da Infancia. A concelleira Lara Fernández explica que significaría recibir este título ademais de como se deberá desenvolver unha serie de actividades favorecedoras da comunicación dos máis novos. Así, iranse levando adiante traballos coa intención de que os menores poidan desenvolverse nun lugar que non sexa alleo ás súas inquedanzas e arelas.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o motivo da visita do Grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro ao Parlamento o pasado martes 28 de novembro?

Foi co gallo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia promovido por UNICEF e que se celebra o 20 de novembro. Previamente fomos ao encontro de Grupos de Participación Infatoxuvenil que organizou UNICEF O Carballiño. Este foi un encontro dos grupos de participación existentes en Galicia onde se desenvolven unha serie de actividades durante toda unha fin de semana. Aí tamén se elabora un manifesto que logo levan ao Parlamento de Galicia e así sexan escoitados polos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, para darlle voz á xente nova dentro da sociedade. Como o noso grupo foi ao Carballiño, unha representante nosa leu a parte que nos correspondía do documento.

-Que experiencia sacaron os mozos e mozas do Parlamento?

Sempre van con moita ilusión porque lles gusta ser escoitados e, sobre todo, ser parte activa da sociedade na que viven. Transmiten as súas inquedanzas, as súas suxestións aos políticos para que cando os políticos elaboren as súas políticas sobre infancia e mocidade teñan en conta á xente máis nova. Sobre todo que teñan en conta as súas peticións como ser parte activa da sociedade.

-Entre as diferentes peticións, cales foron as máis destacables?

A Viveiro tocoulle falar sobre saúde, un tema moi presente durante os últimos días na Mariña e toda Galicia, por iso pedían unha mellora na saúde e, sobre todo, no momento de seren atendidos que os tiveran en conta a eles e non atender o que din só os pais. Pedían que se os médicos debían comunicarlles algo o fixeran directamente a eles. Pedían maior atención á saúde mental nos centros educativos ante os elevados índices de suicidios entre xente nova. Por iso reclamaron ás institucións políticas levar profesionais como psicólogos aos centros de ensino. Tamén pediron que eses psicólogos fosen fixos, pois din que si hai orientadores mais moitas veces van cambiando durante o ano pois necesitan alguén fixo, pois sempre contan os mesmos problemas aos novos orientadores.

-Sobre a aceptación da candidatura de Viveiro para ser Cidade Amiga da Infancia, como se desenvolveu a presentación á candidatura?

Realmente este é un proxecto complexo e moitas veces tamén son proxectos ambiciosos. Debo dicir que eu recollo o relevo de Victoria Baamonde, a anterior concelleira de Benestar Social en Viveiro. Ela foi a primeira en interesarse neste proxecto e nós temos técnicos de xuventude quen traballan máis diariamente nesta idea xunto con UNICEF. Eles son quen nos van pedindo unha serie de documentos e todo isto leva tempo desenvolvelo e sobre todo ser realistas co que se quere facer. Dentro das cidades debemos cumprir uns baremos para aceptárenche esta candidatura. É un proceso moi longo, mais resumindo entra mobilidade, ocio, seguridade, saúde ou deporte. Son proxectos moi diversificados, mais un dos focos principais é a seguridade dos máis novos e novas. Aí é onde estamos incidindo.

-En caso de que Viveiro fose escollida como Cidade Amiga da Infancia, suporía facer modificacións no tramo ou nos traxectos da vila?

En Viveiro xa temos un primeiro “camiño seguro” para os pequenos vaian á escola mais a candidatura non te obriga a nada. A organización busca que o proxecto dea pasos para adiante levas unha lista de puntos que debes ir implementando dentro da vida cotiá de Viveiro, sobre todo nos orzamentos, pois aí debe reflectirse como vas desenvolvendo os diferentes elementos que presentas. Camiños seguros, mellorar a mobilidade dentro do Concello, máis áreas recreativas para a infancia e adolescencia ou mellora no alumado nestas áreas para os máis novos. Neste tipo de iniciativas ten que haber moita implicación política. Por outra parte, o título é como o sinal de saída, mais iso implica un traballo de fondo durante o tempo. Hai que traballar moito para manter o título pois hai revisións para verificar que se están materializando os puntos sinalados.

-Houbo algún extremo que custase máis levar adiante para poder presentar a candidatura?

O máis complicado é poder aumentar a partida orzamentaria para este tipo de iniciativas dentro do concello. Todos os cambios e melloras parten dese orzamento e moitas veces os concellos estamos moi limitados nese aspecto. Viveiro aprobou os novos orzamentos e estamos comprometidos cunha partida para mellorar nos ámbitos afectados polo proxecto.

-Que valores se poden aprender dentro dunha Cidade Amiga dos Nenos?

O primeiro paso é coñecer os dereitos de nenos e nenas pois moitas veces non saímos do “adulcentrismo”. Quero dicir, educamos aos máis novos desde a perspectiva de adulto, de como nós entendemos que deben ser esa xente máis nova. Mais eles teñen voz e como cidadanía debemos darlle voz á infancia, a súa voz propia. A través destes consellos xuvenís imos coñecendo demandas da infancia e xuventude, sobre todo a partir de que comecemos a celebrar os plenos xuvenís, onde eles van ser parte activa do organigrama da súa cidade. Tamén importan os obradoiros coas familias para aprender un bo trato cara os nenos e as nenas, pois piden que se respete a súa opinión. Por tanto, é necesario darlles voz e espazos para que se comuniquen sen necesidade dun adulto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...