O Concello de Viveiro manterá unha tercera reunión con representantes do sector forestal local para consensuar a ordenanza sobre uso de viais municipais que o Goberno local está a preparar.
O concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez, e a concelleira de Medio Ambiente e tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, son as persoas encargadas de reunirse co sector forestal.
“Buscamos unha coordinación e un contacto permanente entre os diversos axentes implicados, para que, na medida do posible, todo o mundo poida realizar a súa actividade sen que comprometa a ningunha das outras partes”, explica Ramón Martínez.
Pola súa banda, Bermúdez destaca “o noso compromiso cun sector que é moi importante para o Concello, que precisaba ser atendido”. “Isto supón un cambio de actitude de cara ao sector con respecto a épocas anteriores”, lembra a tenenta de alcaldesa.
“A futura ordenanza busca protexer a propiedade pública e ao tempo estar en coordinación co sector forestal cunha perspectiva de man tendida e de escoita”, remata Bermúdez.