O Concello de Viveiro informa de que o luns, día 29 de xaneiro, iniciarase a execución das obras de mellora en varios viais de Granxas, en Covas. Polo momento non será necesario proceder á retirada dos vehículos na zona, o que se comunicará con antelación no momento que vaia a ser preciso.
Como xa se informou anteriormente, trátase de catro viais moi concorridos dada a súa proximidade á praia de Covas e á existencia na zona de edificios de vivendas e establecementos comerciais. Dada a súa antigüidade e o elevado tráfico rodado que soportan, presentan un estado de conservación deteriorado, tanto no que se refire ao firme de rodadura como aos servizos urbanos que posúen.
Con respecto aos servizos urbanos (rede de saneamento, rede separativa de pluviais e rede de abastecemento de auga), debido á súa antigüidade e ao aumento de poboación na zona durante os últimos anos, estes tamén se atopan deteriorados, con continuas intervencións de reparación de roturas de tuberías e atascos de colectores, sendo necesaria unha rápida intervención de reposición dos devanditos servizos para garantir o seu bo servizo e funcionamento.
“O orzamento de contrata deste proxecto ascende a 164.392,96 € e inclúe labores de mellora da pavimentación na zona destinada ao tráfico rodado, así como a reposición dos servizos urbanos de rede de saneamento, implementación da rede separativa de pluviais e dotación dunha nova rede de abastecemento de auga”, explica a alcaldesa, María Loureiro. Cómpre lembrar, finalmente, que se trata dunha obra incluída no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2023 da Deputación de Lugo.