InicioOccidentalViveiroViveiro anuncia o seu programa de Entroido

Viveiro anuncia o seu programa de Entroido

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro anuncia a programación do Entroido 2024, cunha oferta de actividades para todas as idades. A alcaldesa, María Loureiro, espera que tanto “os veciños e veciñas de Viveiro, como quen nos visita nestas datas, gocen dun programa de Entroido cheo de actividades, co que mantemos e enxalzamos esta festa popular, involucrando a toda a cidadanía”.


“Un ano máis agradecemos a todas as entidades locais, cuxa colaboración fai posible que celebremos un gran Entroido en Viveiro. Este ano o programa conta con opcións para todas as idades, que percorren ademais distintos puntos da nosa vila”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.


O programa comezará o xoves 8 de febreiro, co “Juepeo especial de Comadres”, mentres que o venres 9 celebrarase o entroido escolar, “A mañanciña”, polas rúas de Viveiro, Covas e Celeiro.


Na fin de semana, o sábado 10 celebrarase a “Troula de Entroido”, a cargo do grupo ‘Espera que vou mexar’, dende as 12.30; mentres que ás 20.30 a ‘Charanga da Carmiña’ amenizará cun pasarrúas as rúas de Covas. O certame de Alpuxarradas comezará o sábado ás 20.30, presentado por Isabel Risco e cuxas entradas poderán reservarse por 2 euros no teléfono 982 560 162 ou no e-mail rbg.cultura@viveiro.es. A xornada do sábado pecharase cun novo pasarrúas da ‘Charanga da Carmiña’ dende ás 22.30 polo centro da vila.


O domingo 11 e o luns 12, celebraranse obradoiros infantís de entroido “Imos facer a parrochiña”, para a infancia. Os obradoiros ata 6 anos serán de 11.00 a 12.00, e para a rapazada de máis de 6 anos de 12.30 a 13.30, na sala multiusos do Concello de Viveiro, con inscricións gratuítas ata completar aforo no 654 208 333.


Na xornada do domingo 11, ás 17.30 haberá inchables para a rapazada “Saltando-ando”, de balde nos Xardíns de Noriega Varela. A rapazada tamén será a protagonista o luns 12 coa festa de infantil, “Enredos de Entroido”, dende ás 17.30 na Praza Maior de Viveiro.


Premios do Gran Desfile de Entroido
O martes 13 de febreiro haberá a “Discotroula de Entroido”, na Praza Maior de 13.30 a 15.30 e de 17.00 a 21.00. Ese mesmo día haberá un Gran Desfile de Entroido, con saída ás 17.30 dende a explanada da variante (avenida de Ferrol), con final na Praza Maior.
O Concello de Viveiro convoca así os premios do Gran Desfile de Entroido 2024, con categoría de adultos e infantil. No caso da categoría de adultos, haberá catro premios por modalidade: carrozas, grupos, comparsas, parellas e individual; ademais dun premio especial ao humor e á orixinalidade. Na categoría infantil inclúense a modalidade individual, parellas e grupos.


En total, o Concello repartirá máis de 5.000 euros en premios en metálico, ademais, haberá unha axuda especial por un importe máximo de 200 euros para as carrozas participantes no desfile.


O mércores 14 de febreiro será o Enterro da Sardiña, cunha recepción de autoridades no antigo Concello e descubrimento da placa conmemorativa. Ese mesmo día será o “Enterro da Parrocha” infantil dende ás 18.30 con saída dende o final da rúa Pastor Díaz con final na Praza Maior. A rapazada participante gozarán de chocolate con churros antes da saída. O “Enterro da Sardiña” será ás 21.00, con saída dende a praciña da Herba e final na Praza Maior, amenizada pola charanga “Santa Compaña” e cun reparto de bolos preñados e viño.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...