-Como naceu Viveiro Surf Escola?
Eu estudei INEF na Coruña e logo fixen un convenio bilateral con Río de Janeiro e eu nunca relacionara o surf e as escolas de surf co adestramento mais si co turismo. En Brasil cambiei de idea e puiden verlle unha orientación máis deportiva. Vin que se podía orientar máis ao deporte xunto co goce desta disciplina durante o verán. Cando volvín da bolsa en Brasil, cadrou que Seo, o surfista mítico da zona, estaba sen traballo e puxémonos a darlle voltas e pouco a pouco foi xestándose a Escola Viveiro Surf e Viveiro Surf Club, que son os dous proxectos onde estamos inmersos.
-Cales son as diferenzas entre Viveiro Surf Escola e Viveiro Surf Club?
Viveiro Surf Escola traballa na época estival dedicada á iniciación e ao goce turístico, traballando de maio a setembro. Aquelas persoas que queren adentrarse máis no surf son as que levamos ao Viveiro Surf Club durante todo o ano. Fáiselles un cartón federativo e algúns xa están competindo internacionalmente.
-Hai que estar federado nas dúas federacións, a galega e máis a española?
Existe un convenio entre a galega e a española. Ti estás federado na galega e xa tes ficha tamén na española.
-En que vos axuda estar federados?
O primeiro é que tes un seguro deportivo, así se tes algunha lesión ou accidente na práctida do surf estás cuberto por un seguro. Logo hai posibilidade de entrar en diferentes campeonatos, as escolas de surf resultan máis baratas ademais dunha boa organización. Ademais, tes opción a entrar na selección galega e na española.
-A xente a que idade comeza a practicar surf?
Normalmente entre os seis ou oito anos, aínda así temos persoas que se apuntan de maiores e moitas delas están moi enganchados a este deporte. Creo que non hai unha idade para empezar, cada un descubre o deporte cando lle vén.
-Se se quere competir cal é a idade en que se debe empezar e cales son os pasos a dar unha persoa para chegar ás grandes competicións?
A miña recomendación é comezar entre os sete e dez anos en iniciación pois porque é un deporte laborioso, debemos contar con factores como a climatoloxía e a partir de aí, todo depende das aptitudes de cada un. O proceso comeza na escola de inicación, logo aos diferentes bloques e ao que é o club. Dentro do club entraríase en pre-competición, aí xa estariamos collendo ondas máis grandes, comezando coas maniobras e logo as persoas que compiten, estas fan manobras máis críticas e máis “performance”.
-Cales son os grandes campionatos existentes e como é posible acceder a eles?
Ao comezo hai un circuíto escolar, de aí pasas ao galego, logo ao nacional e logo entraríase na WSL, un circuíto privado que está por encima dos circuítos nacionais. Hai un campionato europeo junior, logo está a QS que sería a segunda competición a nivel mundial onde primeiro se compite por continentes e finaliza cunha competición mundial. Despois teriamos a WGT, a máxima competición.
-Como ves de preparado o surf na Mariña en canto competición?
Nese aspecto estamos subindo moito, no último circuíto en 2022 tivemos cinco campións galegos, todos da Viveiro Surf Escola. Entre o traballo que facemos en Viveiro e os mozos e mozas de Tapia que están facendo un bo labor coa xente de Ribadeo, cremos que estamos subindo o nivel.