O Concello de Viveiro viviu esta semana unha exitosa edición do ‘Gran Desfile de Entroido 2024’, no que se entregaron os premios deste certame, enmarcado nun amplo programa de actividades de entroido.
“Agradecemos a todas as persoas e grupos participantes, que enchen de ilusión e disfraces a nosa vila. Os meus parabéns aos grupos gañadores, con disfraces orixinais que manteñen viva a tradición do Entroido na nosa vila”, sinalou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, quen entregou os galardóns e agradeceu tamén “o esforzo do xurado neste desfile”.
Na modalidade infantil, o premio da categoría individual foi para “El Cascanueces y el Rey de los ratones”, mentres que na categoría de parellas premiouse co primeiro premio a “Dumbo y a su circo” e co segundo aos “Astronautas de Ourol”. Na categoría de grupos infantís, os premios repartíronse, do primeiro ao cuarto, nesta orde: “Érase una vez…”, “Barbie Land”, “La Legión” e “Os quinta e pon e pon e quita”.
Na modalidade de adultos, o primeiro premio foi para “Dama do rural”, seguida de “Maléfica” e de “La bruja de invierno”, mentres que o cuarto foi para “Mariñeira”. Na categoría de parellas repartíronse tres premios, sendo a mellor parella “Hai que calzarse”, a segunda “Os políticos de Viveiro” e a terceira “Dúo pasodoble”.
“A vila de Viveiro súmase cada ano a esta celebración, tanto a rapazada como os adultos, e por suposto tamén a cidadanía e os visitantes, que desfrutan coas actividades que preparamos e co noso gran desfile”, engadiu Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
Nos grupos de adultos premiouse co primeiro galardón a “As tarambainas”, mentres que os seguintes premios repartíronse na seguinte orde: “Os gondoleiros”, “Os Tunantes” e “Volve o patio andaluz”.
Na categoría de comparsas a mellor foi a comparsa “Sin Xeito”, mentres que o segundo premio foi para “As Trouleiras”, o terceiro para “Dando a nota” e o cuarto para “A fachenda da parroquia”.
Finalmente, na categoría de carrozas, a mellor foi “Los infieles. Tribu”, seguida de “Rexoubeiras Alienígenas”, a terceira “Las flores que te traigo” e a cuarta “Dulces Golfos”. Entregáronse tamén premios especiais ao humor, para “A fachenda da parroquia” e á orixinalidade, para “Os mini cabezudos”.