O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, vinculou directamente o aumento do consumo de peixe, marisco e conservas á mellora do porvir da cadea mar-industria e da economía galega. Así o sinalou durante unha visita este venres á Praza de Abastos de Viveiro e a outros puntos de venda de peixe do devandito Concello.
Para el, a cadea mar-industria ten que ir máis aló dos 50.000 profesionais das distintas etapas que aglutina, desde a captura, o cultivo e a recolección da materia prima ata a súa transformación e distribución.
Villares pretende que nela se sentan integrados tamén os consumidores finais, o conxunto dos 2,7 millóns de galegos. Por iso, reivindicou a importancia de traballar xuntos para que o peixe galego chegue cada vez a máis fogares. Precisamente este é o obxectivo da campaña AMAR GALICIA, que busca a promoción dos produtos pesqueiros e que este venres Villares publicitou en Viveiro.
“Todo este traballo de promoción debe ir acompañado dunha contorna de mercado apropiado e en equilibrio, algo que non se produce na actualidade polo feito de que o Goberno permitiu rebaixas do IVE en certo tipo de alimentos, mentres insiste en negarlle o mesmo trato aos produtos do mar”, lamentou Villares, segundo recolle a Xunta nun comunicado.