O Concello de Viveiro aprobou o plan de seguridade para o Resurrection Fest, que agarda a 85.000 persoas entre os días 11 e 14 de xullo. A Policía Local, Nacional e Autonómica, a Garda Civil e os servizos de emerxencia, o Parque de Bombeiros e Protección Civil, participarán no dispositivo, xunto coa propia organización do festival.
A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiron a reunión da Xunta de Seguridade aprobada este luns. Segundo o dispositivo, a Policía Nacional incorporará persoal a cabalo e guías caninos procedentes da Coruña.
A Policía Local, con 12 integrantes, manterá en funcionamento o seu protocolo de seguridade desde o mércores ás 8 da mañá ata o domingo ás 15 horas, mentres que a Autonómica tamén montará un dispositivo especial, centrado na prevención do consumo de alcol por menores de idade.
A Garda Civil controlará o tráfico e realizará controis preventivos de alcol e drogas, unha achega que completará a patrulleira de Servizo Marítimo, que atracará en Celeiro. O Parque de Bombeiros de Viveiro manterá unha dotación dedicada en exclusiva ao festival e Protección Civil contará cun equipo que alcanzará os 30 traballadores na xornada do sábado.
DENTRO DO RECINTO
A organización do festival disporá 120 operarios dentro do recinto, que cubrirán todas as saídas do mesmo, e ten previsto montar 15 canais de acceso con persoal en todos os pasos.
CAMIÓN DE AXEGA
Como noutras edicións, estará presente o camión de Axega, que funciona como centro de coordinación de emerxencias, e que usará cámaras móbiles para garantir un mellor control do espazo.
TRÁFICO
No tocante ao tráfico, o treito da LU-862 entre a Avenida de Ramón Canosa e o cruce á piscina municipal pecharase desde o mércores, ás 17.00 horas. O resto dos días do festival ficará prohibida a circulación a partir das 13.00 horas, ata o remate do último concerto.
Nesa mesma estrada desviarase o tráfico de noite, na gasolineira de Celeiro e na glorieta próxima á Comisaría da Policía Nacional. Usarase a estrada vella LU-102.
Na rúa Lavandeiras de Celeiro, o treito que vai da antiga conserveira de Alonso ata a Confraría de Pescadores será vía de dobre sentido de circulación desde o mércores ata o domingo.
PUNTO LILA
Como novidade desta edición, o Concello habilitará un punto lila de asesoramento para todas aquelas mulleres que podan ser vítimas de agresións sexuais.
APERTURA DE PORTAS
O recinto abrirase o mércores ás 17.00 horas, e o resto dos días ás 13.30 horas. A apertura de portas será sempre unha hora antes do comezo de cada espectáculo.