InicioEconomíaPerdas de "cinco ceros" nun ano "rarísimo" para Viveiro pola cancelación do...

Perdas de “cinco ceros” nun ano “rarísimo” para Viveiro pola cancelación do Resurrection Fest

Negocios de restauración, hostalería e a rexedora explican como afecta a cancelación do festival nun municipio que desfruta dun recurso turístico de primeiro nivel

Publicada o

- Advertisement -

JUAN MAYA. Este ano non se escoita tocar a ningunha banda no campo de fútbol de Celeiro. As rúas de Viveiro xa non bulen ateigadas de xente vestida con camisolas negras de bandas como Iron Maiden, Metallica, ou coa de dous dos grupos máis agardados para a edición que se celebraría este ano, Judas Priest ou System of a Down. A décimo quinta edición do Resurrection Fest estaba programada inicialmente do 30 de xuño ata o 3 de xullo, pero por mor da crise sanitaria causada polo coronavirus os organizadores decidiron aprazar a súa celebración ata o vindeiro ano. A edición do 2021 terá lugar nas mesmas datas e contaría cun cartel moi similar ao que estaba previsto para este ano.

A cancelación do festival supuxo un duro golpe para a Mariña. Os organizadores estimaban que este ano o encontro musical ía xerar 1.200 empregos directos e 2.700 indirectos e que tería un impacto económico na comarca de 17 millóns de euros.

As publicacións en redes sociais do festival están cheas de mensaxes de apoio e simpatizan cos comercios da localidade. “Teriamos que ir a Viveiro aínda que non haxa festival”, escribe Rafa García Aguilar no Facebook. Wilmer Cardenas contéstalle que “ao Resu vou por dúas razóns: pola música e por Viveiro; malia as circunstancias, aínda nos queda Viveiro”. A ubicación do festival é un dos principais atractivos para moitos dos asistentes.

“UN PAU ECONÓMICO” PARA A MARIÑA

“O feito de que se cancele o Resurrection Fest é para toda a Mariña un pau económico e de comercialización”, afirma o xerente do complexo hoteleiro -con 238 prazas- Las Sirenas, Jose Manuel Pereira. “É un evento que nos da unha visibilidade internacional como non hai en moitos outros sitios”. As perdas xeradas pola cancelación do festival alcanzan no caso do seu negocio os “cinco ceros“.

Cando Pereira comezou a traballar no hotel hai seis anos “non coñecía o Resurrection” e pensa que a evolución do festival “é algo difícil de facer entender“. “Lembro que no 2014 nos asombrabamos de ver algunha das bandas que viñeran ese ano, o 2015 foi moito máis e eu penso que o 2016 foi o despegue“, explica.

Non foi ata o ano 2015 cando o Resurrection Fest fixou a cita anual a principios do mes de xullo, as edicións de anos anteriores do festival adoitaban celebrarse no mes de agosto. Pereira pensa que un dos motivos do éxito do evento foi o “cambio de data” porque “pasamos de ver o complexo máis ou menos cheo a non ter maneira de aloxar todo o que nos piden“.

O cambio de datas beneficiou aos hosteleiros debido a que hai “máis capacidade para acoller visitantes” e a que “os prezos son máis operativos“.

SEN SEMANA SANTA

Pereira considera que “ao final do que se trata é de garantizar a saúde de todos” e de que non se debe “facer un lamento” porque “é unha cancelación por causa de forza maior“. O xerente pensa que deben “adaptarse e pelexar coas cartas que nos deron”.

A irrupción do coronavirus obrigou a cancelar moitas festividades importantes, como foi o caso da Semana Santa. Para a hostelería “perder maio e xuño” foi un golpe duro xa que son os “meses máis complicados pola cantidade de eventos”. Pereira considera que deben “agradecer moitísimo aos clientes porque están transladando moitas das reservas e das  celebracións ao mes de agosto e setembro“.

VIVEIRO RECIBE, A PESAR DE TODO, “XENTE DE FÓRA”

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, declara que están “recibindo xente de fóra” que veñen “de vacacións”, pero que aínda así o número de turistas está lonxe de alcanzar o agardado hai uns meses xa que “nesta semana triplicabamos ou cadriplicabamos a poboación”.

A rexedora non se atreve a dar cifras, pero si que considera que “o impacto que vai deixar non facer o festival é moitísimo“. “Dende o 14 de marzo que se decretou o estado de alarma, fumos cancelando eventos de gran importancia e de gran repercusión económica para o concello de Viveiro como pode ser a Semana Santa e agora o RF”, afirma. A pesar de que o evento foi aprazado, Loureiro considera “sorprendente” que algunhas persoas que “ían vir ao festival non cancelaron a reserva” e decidiron aínda así pasar uns días na localidade.

AXUDAS PARA REACTIVAR A ECONOMÍA

A pesar de todo o que está a acontecer, a rexedora considera que o comercio está “reinventándose e traballando con moitísimas ganas”. O concello de Viveiro impolsou un “plan de reactivación económica” coa intención de “axudar” aos negocios que “cesaron a súa actividade”. As axudas teñen un valor de “850 euros” e correspóndense a “tres taxas de autonómo“. Loureiro considera que son “unha gota de osíxeno para poder pagar o aluguer”.

“Se conseguimos que algún pequeno comercio non peche por mor desta axuda, para nós é un éxito“, asegura. A rexedora pensa que foi “moi ben aceptado, tanto pola asociacións de comerciantes coma polos veciños”.

Loureiro opina que os comezos do Resurrection Fest foron “complicados” porque era “un tipo de música descoñecida” e que foi Melchor Roel quen “apostou” por el e “veu nel unha gran proxección“. “O festival foi evolucionando grazas ao apoio da organización, do concello de Viveiro, da Deputación de Lugo e sobre todo, dos veciños e veciñas de Viveiro”, explica.

UN FESTIVAL “MÁIS FÁCIL” DE MANTER “NUNHA CIDADE”

O xerente da cadena de cómida rápida Galipizza, José Manuel Vázquez, ‘Leman‘, opina que o sector cultural “vai quedar moi tocado” e que hai que pensar que é “todo un privilexio ter o Resu aquí” e que “as institucións teñen que pelexar para que siga en Viveiro”. “Este tipo de formato de festivais é moito máis fácil mantelos nunha cidade“, asegura.

Leman comparte que no seu caso as perdas causadas pola situación actual ascenden ata o “50%” e que “este fin de semana notarémolas aínda máis“. Engade que “aquí as inversión están paradas” e considera que “desta non recuperamos o perdido de ningunha maneira”. “Eu teño moito material, moita maquinaria comprada precisamente só para ese evento e agora está todo parado“, e di que lle “preocupa máis que non se volva a celebrar“.

Galipizza é un dos establecementos colaboradores do festival e un dos que primeiro o axudaron. Leman considera que “nos inicios” ninguén “apostaba” polo festival.

UNHA “CLIENTELA FRANCAMENTE SORPRENDENTE”

Galipizza é quen se encarga de preparar a comida para as bandas e para todos aqueles que adquiriron unha entrada Pandemonium. Os clientes adoitan comer “pizza de churrasco e de polbo” e apunta que tamén se vende “moita comida vexetariana“. Leman pensa que é “unha clientela francamente sorprendente” e que “os camareiros sempre me din que cando se acaba o Resu é como esa sensación de que se foron uns clientelazos que se portaron xenial“.

A cancelación do Resu é un pau económico para a bisbarra. JUAN MAYA

“Eu lembro un matrimonio que viñera a mediados de setembro e que entablara conversa cun dos nosos camareiros. Comentábanlle que viñera o fillo ao festival e que cando viron as fotos que fixera tiveron claro o lugar no que ían pasar as vacacións“, comparte Leman.

Para Leman o festival afecta non só mentres se celebra en xullo, se non que tamén durante “todo o ano” e comparte que “non hai ninguén que se vaia descontento”. Leman califica este ano de “rarísimo” e engade que el “prefería estar traballando e cansado”.

Edición tras edición, o Resurrection Fest logrou construir unha reputación entre os seus asistentes, que regresan anualmente a Viveiro para desfrutar da experiencia. “Ano tras ano apoian ao que chega de fóra e trátano coma se fose da casa”, expón Lau Lore Bpe. “Dáme unha pena tremenda non estar alí despois de 10 anos seguidos”, escribe Paco Bm.

CONCERTOS EN LIÑA DE BALDE EN AGOSTO

Malia que non se poida celebrar, este ano haberá un evento solidario en liña que terá lugar o 28 e 29 de agosto e que contará cun documental especial de longa duración sobre a historia do festival e emitiranse concertos inéditos de bandas como Slayer, Gojira ou The Offspring. A emisión será de balde e os fondos recaudados estarán destinados para Cruz Roja Española de Lugo e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...