O Concello de Viveiro segue loitando a prol da oficialización do Camiño do Mar, unha demanda que agora rexorde ante un ano Xacobeo dobre que vai gañando xa terreo conforme a vacinación avanza. No marco deste labor de promoción da ruta, o goberno local vén de poñer en marcha unha iniciativa nos centros de educación infantil e primaria do municipio co obxectivo de conseguir este novo recurso turístico.
A iniciativa vai polo nome de “Descubrindo o Camiño do Mar” e chegará a centros de educación infantil e primaria. En concreto, implicará o alumnado de infantil e 1º e 2º curso do EEI San Roque, o CEIP de Celeiro, o CEIP Lois Tobío, o Colexio Landro, o CEIP de Covas e o CEIP Santa Rita de Galdo.
A actividade, explican dende o Concello ten como eixo a utilización do Camiño do Mar como “ferramenta de aprendizaxe sostible” co obxectivo de difundir este traxecto entre a poboación. Deste modo, promóvese a “sensibilización e concienciación ambiental” e cultural da comunidade educativa, así como a promoción da conservación do patrimonio material natural e inmaterial.
“Arredor do Paseo polo Camiño do Mar, as nenas e nenos traballan aspectos como a importancia da biodiversidade do noso entorno, a necesidade do seu coidado e de manter as contornas naturais limpas”, explican dende o consistorio que agradece ao CEIP Lois Tobío e aos docentes do centro o traballo realizado para a creación da cartelería, trípticos e adhesivos que contribúen a difundir o Camiño do Mar.