- Advertisement -
O comité clínico que asesora á
Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar o establecemento do nivel alto de restricións no concello de Viveiro, que pasa, deste xeito, de estar en restricións medias a altas. Isto implica que bares e restaurantes non poderán servir no interior, só no exterior e coa metade de prazas.
Ademais, Cervo seguirá en nivel medio de restricións, un nivel no que tamén se inclúa a Xove. Unha situación que se produce polo aumento da incidencia da covid nos últimos días e implica unha redución no aforo dos eventos deportivos, de piscinas, bibliotecas e teatro sque pasará a ser do 30%.
Tamén implicará un cambio na hostalería e restauración. Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co 50% do aforo e tamén servizo no interior cunha ocupación do 30%. Non se poderá prestar servizo na barra.
O horario de peche ao público será ás 23:00 horas. Os restaurantes disporán da opción de ampliar o seu horario ata as 1:00 horas exclusivamente para o servizo de ceas, sempre que cumpran os requisitos establecidos e sen que poidan admitirse novos clientes a partir das 00.00 horas.
OUTRAS RESTRICIÓNS
Por outra banda, a Xunta decretou o nivel máximo de restricións nos concellos de Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos. Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Ribeira, Ordes, Moraña e Ponte Caldelas. No nivel medio quedan o Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Vilalba e Monforte
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro sábado, 29 de maio.