Beiras e CCHV organizan protestas contra o peche que se aplica este sábado en Viveiro ao decretar o Goberno galego restricións altas neste concello polo aumento de casos na última semana. Din estar fartos da situación e de non aguantar máis as medidas de restrición que impón o comité clínico da Xunta.
Por iso, o presidente da Asociación Beiras de Viveiro, Domingo González, anunciou “mobilizacións próximas” contra as medidas do comité clínico que obrigan á hostalaría a pechar sempre que aparece un brote ou soben os casos de Covid-19.
Así, lamentou que xurda onde xurda o foco, a administración opta por pechar a hostalaría: “Hai un contaxio nun campo de fútbol, pechamos os bares; hai un contaxio nun convento, pechamos os bares; hai un contaxio nun supermercado, pechamos os bares; hai un contaxio nunha empresa de madeiras e pechamos os bares”.
González defendeu que isto non pode seguir así, porque son o sector que máis medios está a pór no control da Covid (limpeza, aforamentos, etc) e o que máis castigado é polas medidas impostas pola Administración galega.