As rías do Barqueiro e Viveiro, máis contaminadas que en 2019

Nos últimos anos aumentaron os puntos de verteduras ilegais segundo denuncia a asociación ecoloxista Arco Iris.

Protesta do BNG pola contaminación da ría. AXM

A asociación ecoloxista Arco Iris denuncia a existencia de máis dunha vintena de verteduras novas ás rías galegas no último ano. Nun comunicado, pon en dúbida o plan de control de verteduras da Xunta, á vez que alerta da existencia de ao redor de 250 puntos negros de vertedura en 18 rías.

Unha situación que identifica con “un evidente fracaso de toda a política de saneamento das rías, que ven incrementada ano tras ano a carga contaminante que reciben e que aumenta o fenómeno da eutrofización”.

Chama a atención sobre que rías como O Barqueiro, Viveiro, Ares, Ferrol, A Coruña, Muros e Corcubión “ofrecen en 2020 peores datos que en 2019”, pois “aumentan os puntos de verteduras ilegais en 13, provocando un aumento intolerable da contaminación difusa”.

Sinala que “os esforzos” do Goberno galego “céntranse” nas rías de Arousa e Vigo, a pesar de que aínda “reúnen entre as dúas ata 79 sumidoiros”.

A carga contaminante media será este ano de 17 euros e 89 céntimos –importe total que suma o gravame por volume, materias en suspensión, materias oxidables, nitróxeno, fósforo, saes solubles, metais e materias inhibidoras–, o que considera unha “bicoca fiscal” que impide que “as empresas que máis emporquen progresen adecuadamente no obxectivo de vertido cero, que non se alcanzaría ao actual ritmo “ata o ano 2083”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here