A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación de preto de 240.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades, entre elas Viveiro e Ribadeo.
Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade.
Así, entre os beneficiados figuran Multicines da Estrada, a Sala Númax de Santiago,osCines Avenida de Caldas de Reis, Cantones Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espacio Coruña e Los Rosales da Coruña, Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Cines Ribadeo, Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela, Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo, Cines Gran Arousa de Vilagarcía, Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia.
As contías outorgáronse en función do número de pantallas dos cinemas, primando ademais as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal. Serán destinadas especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou convites, dirixidas á infancia, á xuventude e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.
Esta nova vía de apoio, dotada na súa convocatoria con 350.000 euros, insírese nos obxectivos asumidos polo Goberno galego a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19, especialmente no que se refire á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Dentro desta mesma dinámica, as salas de cinema contaron o ano pasado cun programa extraordinario de apoio por importe de 120.000 euros.