Adrián Ben, o atleta viveirense que conseguiu o diploma olímpico na final dos 800 metros lisos nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, recibiu as felicitacións do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. O mandatario provincial quixo transmitir os seus parabéns ao deportista lucense polo quinto posto, unha proba que, recordou, “tivo opcións de medalla e na que, ata o momento, non chegara ningún español”.
Ben quedou a 57 centésimas do bronce nunha carreira na que se mantivo co grupo nos primeiros 400 metros de marcaxe e na que foi quen de alcanzar posicións logo dun ataque na curva do 200.
“Os valores e o traballo de Adrián Ben son un orgullo para todos e todas as lucenses, demostrando que os obxectivos marcados poden acadarse con esforzo constante”, destacou Tomé, quen ademais cualificou de “histórico” o logro do atleta viveirense. O Presidente da Deputación tamén lle transmitiu os seus parabéns “por este importantísimo triunfo” e desexoulle “que continúe acadando multitude de éxitos”.