A Xunta organizou esta semana unha viaxe de familiarización en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) en Viena para dar a coñecer o Camiño do Norte en Austria a través da Revista Autoturing, no marco do apoio de promoción á Raiffeisen Reisen, o touroperador máis importante do país austríaco.
O presstrip incluíu a visita a Galicia esta semana dun dos profesionais deste medio para divulgar a marca España Norte e o Camiño do Norte. Así, entre o luns e o martes, a visita incluíu varios dos puntos que percorre esta ruta xacobea, descubrindo o patrimonio e a natureza dos concellos de Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Vilalba, Sobrado dos Monxes e Lugo e rematando o mércores a viaxe en Santiago de Compostela. Entre o amplo programa de actividades, incluíronse visitas guiadas a atractivos turísticos como a illa Pancha, a Praia das Catedrais, o areal de Covas, a catedral de Mondoñedo ou Sargadelos, así como os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.
O Camiño de Santiago estase a reactivar e no que vai de ano chegaron a Santiago máis de 66.500 peregrinos, máis de 12.400 só neste mes de agosto no que a media de Compostelas seladas cada día supera o milleiro. No caso do Camiño do Norte son máis de 3.000 peregrinos desde xaneiro, unha ruta declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en xullo de 2015 xunto co Camiño Primitivo baixo o nome Os Camiños de Santiago do Norte Peninsular.