A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración diante do Centro de Saúde de Viveiro o vindeiro xoves 19 de agosto ás 12 horas, en protesta polo desmantelamento da Atención Primaria. Esta concentración daría continuidade ás que se veñen convocando nas distintas localidades da comarca desde o mes de xuño e mesmo polas que se están a convocar en todo o país.
Viveiro conta cunha poboación censada de máis de quince mil habitantes, cifra que se ve aumentada nos meses de verán ata en tres ou catro veces. “A decisión do Sergas de non dotar este verán aos centros de saúde de persoal sanitario para persoas desprazadas, provoca unha enorme sobrecarga de traballo nos cupos dunha plantilla esquilmada pola falta de substitucións e esgotada despois de máis dun ano de pandemia”, indica a organización.
SEN SUBSTITUCIÓN NAS PLANTILLAS
A pesar do incremento da actividade nos meses de verán pola multiplicación da poboación, “todas as categorías profesionais están diminuidas pola negativa do Sergas de substituír vacacións, baixas, permisos”, di a plafatorma. O que ten como consecuencia unha “sobrecarga de traballo dos compañeiros”.
A organización sinala que os problemas de coberturas profesionais neste centro xa se levan producindo deste fai tempo pero que este verán se agravaron de xeito que “houbo bastantes días nos que non había ningún facultativo en quenda de tarde”. Na quenda de mañá, explica, houbo tempadas con menos do 50% dos facultativos e indica que co persoal de enfermaría a situación é moi similar.
“Estas carencias tan profundas chegaron a afectar directamente á calidade asistencial, pois o feito de que algún facultativo chegara a atender algún día entre 90 e 100 pacientes xa nós dá unha idea de como está a situación”. Ademais, a plataforma tamé engade que o persoal non só se ten que facer cargo das persoas que chegan ao centro de saúde, senón que tamén se teñen que atender aos usuarios da Hospitalización a Domicilio.