O Concello de Viveiro informa que esta fin de semana, os días 10, 11 e 12 de setembro, celebrarase ao III Rallye Mariña Lucense, que discorre polos concellos de Cervo, Xove, Muras, O Vicedo e Viveiro. A proba conta co apoio e a colaboración do Concello de Viveiro, quen esta mañá ultimou o dispositivo de seguridade da competición.
O Concello de Viveiro será a sede deste rally e tamén o lugar no que se instalarán o parque de traballo, ubicado en Lavandeiras, Celeiro, e o parque de verificacion técnica, instalado en Covas, non habendo ningún tramo de competición en vías do municipio.
Este mércores8 de setembro tivo lugar en Viveiro a xunta de seguridade convocada pola Subdelegación do Goberno, en relación co dispositivo de seguridade do rallye. Nesta reunión de traballo asistiron en representación do concello a Alcaldesa, María Loureiro; o 1º Tenente de Alcalde, Jesús Fernández; o concelleiro de Deportes, César Iglesias; e os xefes da Policía Local e de Protección Civil.
Neste sentido, cabe sinalar que por parte do Concello de Viveiro, co fin de garantir a seguridade e bo desenvolvemento do evento reforzaranse os servizos da Policía Local durante a celebración do rallye. Deste modo, intensificaranse a vixilancia e control do tráfico nas vías que fan de enlace entre os tramos cronometrados e establecendo controis estáticos e controis de alcohol.
O Concello de Viveiro informa ademais que con motivo do rallye, o aparcamento da piscina permanecerá pechado, polo que só se poderá acceder ás instalación de forma peonil e con cita previa. Esta circunstancia afecta tanto á piscina como ao ximnasio.
Gran parte dos corredores do rallye e do persoal de traballo vinculado ao mesmo hospédanse en Viveiro, o que supón un importante impulso para o sector do turismo, especialmente afectado pola crise derivada da pandemia.
“Dende o Concello de Viveiro apostamos por esta competición dende a súa primeira edición. O noso municipio é a súa sede e o seu centro neurálxico, o que supón un atractivo para a gran afección a este deporte no noso municipio e un incremento do noso turismo”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.