O comité de empresa de Vestas convoca unha nova mobilización este sábado en Viveiro, para protestar contra o anuncio do peche da planta situada en Chavín. En concreto, esta segunda protesta nas rúas será unha camiñada que sairá ás 12,00 horas da capela da nosa Señora da Misericordia.
Con esta marcha, os traballadores visibilizarán as súas reivindicacións, que pasan por atopar unha saída industrial que manteña os 115 empregos da factoría.
O pasado martes, dirección e comité da empresa mantiveron a reunión coa que se deu por aberto oficialmente o período de consultas do ERE.
Xunta e representantes dos traballadores acordaron constituír unha mesa industrial á que convidaron tanto a Vestas como ao Goberno central para tratar de reverter o peche.