InicioEconomíaAlejandro Paleo: "Vou co apoio de todos os meus compañeiros e levo...

Alejandro Paleo: “Vou co apoio de todos os meus compañeiros e levo unha carta para entregar en Dinamarca”

Alejandro Paleo é traballador de Vestas. Este domingo sairá cara Dinamarca, sede da compañía que decidiu pechar a fábrica de Viveiro. Dous compañeiros irán con el facendo a ruta para ir dando conta, día a día, da posición deste ex-ciclista profesional que entregará en man unha carta aos diretivos da compañía para evitar o peche da factoría viveirense.

Publicada o

- Advertisement -

-Canto tempo levas traballando en Vestas?

Once anos, cando remate este 2021 farei once anos na empresa.

-Cal é a túa función dentro da empresa?

Son un operario máis en produción. Produción ocupa a parte de abaixo da nave e logo hai oficinas na planta superior. En total, somos 115 traballadores, cada un coa súa función. Eu estou na parte de produción e dentro desta área hai diferentes seccións. En cada sección traballamos en grupos ou en parella. Despois de tanto tempo tiñamos como unha familia dentro da empresa. Hai xente que leva moitos anos.

-Que pensaches cando Vestas anuncia o ERE?

É como levar un golpe moi duro, non che dá tempo a reaccionar porque ninguén contaba con esta noticia. A empresa estaba funcionando ben, daba ganancias e daba traballo, esas eran as noticias que tiñamos. Ninguén esperaba unha noticia como esta e co pasar dos días todo o mundo reacciona, pensa e ves que hai un grave problema con esta situación. Agora mesmo as poucas industrias grandes que hai na Mariña queren pechalas. Se non loitamos todos en equipo temos un grave porblema para a zona. Se non hai traballo e pechan o pouco que hai, teremos que emigrar.

-Como se organiza a ruta?

Non vou tomalo como un desafío. Eu levo practicando ciclismo desde que era pequeno, os meus compañeiros sábeno e eu non quero ir de heroe. Propúxose a idea, fóiselle dando forma e eu aceptei. Ás persoas que non están no mundo da bicicleta pode parecerlles unha temeridade, pero se me comprometo é porque o vou facer. Por outra parte isto non é cousa miña só, están todos os compañeiros e compañeiras de Vestas. Este sábado (2 de outubro) demostramos que estamos moi unidos, como unha familia. En catro días fixemos equipo e poñer en marcha todo. Estou orgulloso dos meus compañeiros e se fago isto é pola vila, polos compañeiros e pola miña familia.

A empresa estaba funcionando ben, daba ganancias e daba traballo, esas eran as noticias que tiñamos

-Vaite acompañar alguén?

Si, vou ir con dous compañeiros, Breixo Buján e Guillermo Barreiro. A verdade é que todo isto foi organizado en catro días con todos os compañeiros. Levamos unha caravana así pois, un irá conducindo e outro levará todo o tema de Internet, para subir fotos e vídeos que logo subirán outros compañeiros desde o traballo.

-Como se fará ese seguemento na rede?

Temos dúas contas, unha en Facebook e outra en Instagram, pedaleoxempleo, e aí estará todo actualizado. Nese páxina verase en directo o momento de saída, porque nos gustaría que desde ese primeiro momento tanto ciclistas e condutores de vehículos, saiban que facemos e o movemento que estamos creando. A nosa intención é, sen facer ruído, facer moito ruído e que se nos unan moitos ciclistas co obxectivo de chegar a Dinamarca todos xuntos. En todo momento poderase saber cal é a miña ubicación para saber por onde paso.

Estou orgulloso dos meus compañeiros e se fago isto é pola vila, polos compañeiros e pola miña familia

-Levas recambios ou bicicleta de reposto por se é necesario?

Levamos recambios mais a miña bicicleta está en condicóns óptimas. Aínda así, en todas partes hai tendas de bicicletas, por iso estou seguro de chegar a Dinamarca.

-Fuches ciclista profesional.

Si, fun profesional por dous anos.

A nosa intención é, sen facer ruído, facer moito ruído e que se nos unan moitos ciclistas

-Pensaches en como te recibirán en Dinamarca?

Se o analizas todo non fas nada. Vou con moito respeto e non con medo. Vou co apoio de todos os meus compañeiros, levo unha carta para entregar e buscamos que todo o mundo saiba da nosa situación, dando pedal, con humildade e dando a coñecer que somos profesionais e sabendo que teño o apoio de toda a vila e dos compañeiros. Non penso no que poida pasar. Isto fágoo, como dixen, pola vila, polos compañeiros e pola miña familia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...