O Concello de Viveiro mostrou o seu pesar polo falecemento dun veciño de municipio, Santiago Otero, que foi achado morto o pasado mércores na vivenda na que residía en Madrid tras supostamente sufrir un accidente ao caerlle o móbil na auga cando se atopaba na bañeira.
Natural da localidade mariñá, este home de 38 anos foi localizado por unha muller no interior da bañeira do seu domicilio. Os primeiros indicios apuntan a que a causa do falecemento puido deberse a unha electrocución ao caer o móbil á auga mentres estaba conectado á rede eléctrica.
Este xoves, o tenente de alcalde de Viveiro, Suso Fernández, expresou o seu pesar pola morte deste veciño de Escourido, na parroquia de Covas, aínda que levaba “moitos anos fóra” do municipio por razóns laborais. Santiago Otero, casado e con dúas fillas, era coñecido na zona pola súa vinculación co deporte, xa que militou durante varios anos en distintos equipos de fútbol da comarca.
O responsable municipal expresou a vontade do goberno local de prestar a colaboración que necesiten aos familiares e achegados de Santiago Otero, aos que deu o pésame en nome do executivo.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.