InicioOccidentalViveiroRebeca Blanco, arqueóloga: "o interesante de San Xoán Vello é a posible...

Rebeca Blanco, arqueóloga: “o interesante de San Xoán Vello é a posible relación con espazos de meditación e retiro”

Rebeca Blanco Rotea forma parte do equipo Síncrisis da Universidade de Santiago que está realizando as excavacións na cova de San Xoán Vello. As investigacións e catas diríxense á confirmación ou refutación de hipóteses sobre a orixe das construcións encontradas neste lugar. De momento só se encontraron dúas tumbas, unha delas expoliada, e muros que poden corresponder a diferentes momentos da historia. Todo isto iniciouse logo do aviso de expolio dunha tumba por parte da asociación Mariña Patrimonio.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é a importancia que ten realizar estas excavacións na cova de San Xoán Vello?

En 2020 púxose en contacto con nós a asociación Mariña Patrimonio pois cando viñeran visitar a cova, documentaron un expolio. Algún furtivo abriu un foxo ao pé dun dos muros conservados xunto á rocha e apareceron ósos. Todo isto foi denunciado. A partir de aí, a preocupación da asociación como do Concello de Viveiro sobre a conservación dos restos do lugar. Por outra parte, tamén queremos saber de que época son os restos da igrexa. Sabemos da existencia dun templo que logo se traslada no século XVIII ao emprazamento actual de San Xoán Novo, aínda que non sabemos as datas de orixe da primeira igrexa. Os traballos actuais son valorativos en canto buscamos o potencial do xacemento, para datar as fases do que se construiu aquí e determinar algunha intervención de rescate pois a cova pode estar en perigo de derrube.

-Que motivos estarían detrás do derrube da cova de San Xoán Vello?

Son zona de cantil e aquí caen rochas por consecuencia da erosión mariña, unha erosión natural. Pola parte superior hai plantacións de árbores e as raíces van abrindo fendas na pedra, unha erosión provocada polas árbores plantadas sobre esta cova.

Os traballos actuais son valorativos en canto buscamos o potencial do xacemento, para datar as fases do que se construiu

-Seguindo cos restos achados na cova, non se ten noticia ningunha sobre a fundación da igrexa?

Estamos barallando varias hipóteses. Hai unha fase que é claramente de época moderna, como unha das tumbas que está sen expoliar e polo seu aspecto é de tempos recentes, sabémolo polo tipo de tapa que ten, polos materiais asociados que apareceron. Ao mesmo tempo, estas tumbas están cortadas por muros posteriores no tempo, probablemente do século XVIII, momento do traslado da igrexa. Tamén hai un muro posterior e aí cremos que podería haber un primeiro eremitorio que podería ser altomedieval, un segundo edificio non sabemos se baixomedieval e logo xa intervencións modernas. Todo isto son hipóteses pois o obxecto do traballo é datar os restos e as construcións.

-Por que poderían ter elixido esa cova como emprazamento para edificar aí unha igrexa?

É algo que tamén nos preguntamos. Para elixir un emprazamento como é unha cova ten que haber uns motivos importantes mais descoñecidos para nós nestes momentos. Podería ser. Como dicía Taboada Leal, podería haber augas salutíferas, por ser un lugar sagrado ou porque están cristianizando algún lugar anterior. Isto de momento é especulación e até non termos os datos suficientes non poderemos dar cunha resposta. Desde logo aquí houbo algo importante para a instalación dunha igrexa por parte dunha comunidade e nun lugar que para chegar a el é perigoso. Tamén é interesante o vermos e que nos comentan os veciños e estudosos que non só era a cova. Na baixada hai unha estrutura rectangular sobre a cal estamos facendo limpeza para saber que é. Tamén hai outro espazo co nome do Campanario onde hai muros e outras estruturas. Este era un espazo onde aínda hai só hipóteses e sobre o cal estamos aínda no comezo dunha investigación que dará resultados interesantes.

-Mencionaches un primeiro estudoso que falara sobre este lugar.

Si, Taboada Leal, que foi cronista de Vigo e xa falara no seu momento a finais do século XIX. Describe a existencia de muros, de pinturas e mesmo fala desas augas salutíferas.

-Esta construción puido ser imitada noutros lugares ou pola contra, foi unha imitación doutros templos semellantes?

É unha pregunta que non podemos respostar até non saber as datas. En Galicia temos con seguridade dous eremitorios con igrexa dentro e outro en proceso de estudo. Temos San Pedro de Roca en Esgos, na Ribeira Sacra, temos este espazo, a cova de San Xoán Vello e logo hai un equipo dirixido por Xurxo Ayán e Sonia García Rodríguez, intentan determinar se outra cova no Cotillón, na Ribeira Sacra, tamén é unha igrexa. Son casos únicos en Galicia e realmente debemos determinar que vai antes, se San Xoán Vello ou Esgos. Só podemos dicir que polos datos recollidos, San Xoán Vello podería ser posterior, mais insisto, é moi cedo para respostar á túa pregunta.

Para elixir un emprazamento como é unha cova ten que haber uns motivos importantes mais descoñecidos para nós nestes momentos

-Polo de agora cales son os elementos ou datos encontrados na cova?

De momento fixemos dúas sondaxes. Hoxe continuamos coa segunda e na primeira saíunos o muro que viamos en superficie e delimitaba coa parte sur. Despois hai outro muro con características similares, aínda que con morteiro diferente. Son dous muros en paralelo e no medio está a tumba que non foi expoliada e a outra. Como mínimo temos xa documentados tres partes. Na zona onde a cova estreita aparece outro muro, o muro que cremos era a cabeceira e que limita cara o Oeste. As tumbas teñen unha orientación canónica, a cabeza para o Leste e os pés para o Oeste e cremos que son modernas. Agora mesmo esperamos a ampliación para profundizar nas sondaxes.

-O feito de estar xunto ao mar tiña algunha significación?

O interesante deste espazo é a súa posible relación cos eremitorios da Alta Idade Media, un momento en que se difunden as historias dos santos mártires, eríxense espazos afastados que inviten á contemplación ou á vida retirada. Este lugar ten características para crear un espazo de meditación, podería estar relacionado con iso, mais aínda é cedo para poder confirmar algo. Con todo, debemos seguir traballando para responder a por que construíron este lugar.

Como dicía Taboada Leal, podería haber augas salutíferas, por ser un lugar sagrado ou porque están cristianizando algún lugar pagán

-Este tipo de actuacións arqueolóxicas parecen ter unha alta actividade nos últimos anos.

Si, é algo interesante. Así e todo, tivemos unha parada relacionada coa crise do 2008. Tamén a finais dos 90 e comezos dos 2000 facíase moito traballo asociado á construción de grandes obras públicas. Hai unha serie de actuacións por unha parte desde as administracións, como pode ser a Xunta que está traballando moito en rehabilitación de edificios e espazos enfocados na Ribeira Sacra en relación á declaración de Patrimonio da Humanidade. Tamén as asociacións interesadas neste tipo de lugares fan que ás veces os concellos e deputacións apostan por intervencións deste tipo, cousa que é boa. Isto permítenos coñecernos a nós como sociedade. Nós somos un grupo de traballo, Síncrisis, da USC para traballos como estes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...