O Concello de Viveiro estará en Xantar 2021, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra desde mañá en Ourense, para promocionar o seu atractivo histórico e paisaxístico, a Semana Santa e a súa gastronomía.
O concello contará cun stand propio, no que durante os días da feira se difundirá o material de promoción turística do Concello. Jesús Fernández, tenente de alcalde, e Marisol Rey, concelleira de Turismo, asistirán á inauguración de mañá.
Marisol Rey manterá durante os días do salón reunións con varios tourperadores e o concello ofrecerá unha degustación gratuíta de merluza do pincho (cociñada en empanada) e o Pan dos Apóstolos (doce típico de Semana Santa).
O sábado, Jesús Fernández realizará unha intervención para presentar o municipio a todos os asistentes, dando a coñecer os seus principais recursos turísticos (patrimonio, natureza, gastronomía e festas).