InicioOccidentalViveiroViveiro aumenta a vixilancia policial e os traballos de limpeza no casco...

Viveiro aumenta a vixilancia policial e os traballos de limpeza no casco antigo

Durante os últimos catorce anos, o traballo que realiza a empresa encargada da limpeza vén complementándose con labores que realiza a brigada de medio ambiente.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro informou nun comunicado que a pasada fin de semana, Ponte do Pilar, por parte da Policía Local se reforzou a vixilancia do casco antigo, un labor en coordinación coa Policía Nacional. De forma habitual, véñense emitindo ordes concretas para que por parte da Policía Local se intensifique a vixilancia nesa zona nas horas en que se prevé maior afluencia e que se vai modificando en función da ampliación dos horarios de peche.

Segundo informa o Concello, a Policía Local vai por cada establecemento advertindo aos propietarios que non poden deixar saír aos clientes con vasos de cristal. Durante a noite, intensifícase a vixilancia dentro de todo o casco, comprobando que se están cumprindo as medidas e restricións establecidas.

Esta é a folla de ruta que por parte do concello se segue dende que se reiniciou o ocio nocturno, co obxectivo de cumprir as restricións. Estase levando un control e, en caso de incumprimento, levántase a acta correspondente.

Con respecto á vixilancia realizada cabe sinalar, a modo de exemplo, que este fin de semana se realizaron unhas pintadas no parque de Mahía por parte duns menores, sendo identificados pola Policía Local, a raíz dun traballo de investigación e colaboración cidadá, tanto os autores das mesmas como os seus pais.

Tamén se están facendo inspeccións rutinarias nos establecementos, a fin de garantir o cumprimento das medidas impostas (aforos, distribucións de espazos e información de carteis), tanto polo Plan de lecer nocturno, como polo Plan de hostalería segura. Tamén se estableceron dispositivos para actuar sobre os botellóns e faise unha intervención policial no tema de aglomeracións de persoas en espazos públicos. Tamén se comunica que non consta formalización de ningunha denuncia a instancia de particular por actos vandálicos nin por infraccións nos horarios de peche.

LIMPEZA

Con respecto á limpeza dentro do casco, o Concello apunta que todos os domingos, a partir das 6:00 horas, dous operarios da empresa concesionaria do servizo realizan labores de baldeo e barrido polas diferentes rúas.

Os labores de limpeza finalizan as 12:00 horas, quedando o casco a partir desa hora completamente limpo. Ademais, pola semana tamén se realizan baldeos de rúas se así se ve necesario. A maiores, durante os últimos catorce anos, o traballo que realiza a empresa encargada da limpeza vén complementándose con labores que realiza a brigada de medio ambiente.

REUNIÓNS

Cómpre explicar, asemade, que o concello se reúne coa Asociación de Veciños do Casco Antigo cada vez que esta agrupación o solicita, sendo a última destas xuntanzas coa presenza da Policía Local e da Policía Nacional.

Sobre a Ordenanza de Protección contra a contaminación acústica, débese indicar que se está compaxinando a súa elaboración coa xestión e traballo do día a día, pero, en todo caso, é preciso incidir en que o concello realiza reforzos para vixiar esta zona como en Cantarrana, no que tamén é preciso comprobar o cumprimento da normativa.

Cómpre facer referencia á Ordenanza de Acceso ao Casco Histórico de Viveiro, aprobada polo pleno da corporación o 1 de decembro de 2020 e que entrou en vigor o 25 xaneiro deste ano. Esta ordenanza foi elaborada co consenso de todos os grupos políticos con representación municipal e coas achegas realizadas por cada un deles, achegas que nalgúns casos foron presentadas por escrito e noutros casos presentadas de forma verbal nas diferentes reunións de traballo realizadas; tratándose, polo tanto, dunha ordenanza moi consensuada.

BNG

Pola súa parte o BNG viveirense sinalan que a alcaldesa de Viveiro “optou por culpar á pandemia pola súa falta de implicación para a creación da ordenanza contra a contaminación acústica“. Ordenanza aprobada en 2019, sen pandemia, e con teletraballo no Concello, durante a mesma.

Desde o BNG tamén aseguran que a alcaldía do PSOE non contestou ás preguntas formuladas polo Bloque, as mesmas segundo a formación, que leva anos demandando a Asociación veciñal do Casco Histórico de Viveiro. “Polo momento a alcaldía do PSOE non cumpliu ningún dos acordos da moción para revitalizar o casco” recalcou a concelleira nacionalista Míriam Bermúdez.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...