InicioCultura"Superarte" o programa que traerá a Viveiro maneiras para unha vila máis...

“Superarte” o programa que traerá a Viveiro maneiras para unha vila máis inclusiva

Para as representacións no Teatro Pastor Díaz, cómpre reservar a entrada gratuíta no teléfono 982560162.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro presentou hoxe a terceira edición de “Superarte”, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional, que se celebra entre o 28 de novembro e o 3 de decembro. Na presentación desta edición, dedicada este ano ao Trastorno do Espectro Autista (TEA), participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

Lograr un municipio máis inclusivo é unha das nosas prioridades como goberno local. Superarte consolídase cada ano non só como evento cultural, senón tamén como un referente na inclusión de persoas con diversidade funcional”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

A inauguración será o domingo 28 de novembro ás 18:30 no teatro Pastor Díaz e contará coa presencia do padriño desta edición, Santiago Fernández Pérez, un rapaz de 15 anos con TEA quen aportará a súa experiencia persoal. A continuación, ás 19:00 representarase a obra “Hugo”, da compañía de teatro “Os Náufragos”, que fala do espectro autista.

O gran obxectivo de Superarte é combinar a arte coa diversidade funcional, para sensibilizar e falar deste tipo de diversidades en diferentes ámbitos”, subliña a edil de Cultura.

XORNADAS DE ANÁLISE

Este ano como novidade realizaranse unhas xornadas de análise a cargo de validadores e técnicos da Asociación BATA, que traballa con persoas que teñen TEA . A asociación validará as instalacións do Concello de Viveiro para valorar se é un lugar accesible para persoas con trastorno do espectro autista. Tras o seu paso polas instalacións, a asociación emitirá un informe con recomendacións para avanzar cara a unha maior accesibilidade das persoas con TEA.

No obxectivo de lograr un municipio máis accesible, “Superarte” presentará o 29 de novembro a acción “Na procura dun comercio e unha hostelería máis inclusivos”. Realizarase unha charla dirixida ás persoas destes sectores na Sala Multiusos do Concello de Viveiro ás 20:00 e contará con usuarios de Aspanane Viveiro, que relatarán as dificultades á hora de consumir e comprar.

Alén destas iniciativas, programouse a obra de teatro “Un xardín solitario”, da compañía de Asociación de axuda ao Enfermo Mental A Mariña. A representación será no Teatro Pastor Díaz o xoves 2 de decembro ás 19:00 e conta coa participación de persoas con diversidade funcional.

Estas actividades complétanse con obradoiros e contacontos dirixidos exclusivamente aos centros educativos do municipio. “Superarte” clausurarase o próximo 3 de decembro, coa celebración do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional. Nese día, todas as persoas que visiten a biblioteca e leven algún libro prestado, recibirán un agasallo conmemorativo.

“Esta terceira edición é unha cita moi esperada, xa que o ano pasado non a realizamos por mor da pandemia. Porén, o noso compromiso con Superarte é firme e queremos seguir traballando para visibilizar a diversidade funcional”, engade a concelleira de Cultura.

Para as representacións no Teatro Pastor Díaz, cómpre reservar a entrada gratuíta no teléfono 982560162.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...