A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, subliñou que durante o proceso de negociación do ERE de Vestas identificáronse “varias irregularidades” por parte da empresa. Así, lembra que se realizaron tres advertencias que reflicten a “mala fe” da compañía.
En resposta a unha pregunta do PSdeG na Comisión de Industria, puxo de exemplo entre esas “deficiencias” a “rapidez” coa que a empresa quixo finalizar o período de negociación sen compasalo ao funcionamento da mesa industrial para buscar comprador, posto que Vestas “quier o peche o máis rápido posible” para “saír de Lugo sen problema”.
Aquí, lembra que a decena de avisos que se realizaron no seu día a Alcoa durante a negociación do ERE foron “puntuais” na sentenza do Supremo para a anulación do expediente. Espera que a demanda que se interporá no caso de Vestas “chegue a bo porto” e se considere ” que é nulo” o despedimento colectivo.
No tocante ao proceso de procura de compradores, remitiuse á “confidencialidade” das xestións, aínda que espera que ocorra algo similar ao centro de Vestas vendido en Villadangos del Páramo, en Castela e León. Mancha tamén tivo reproches para o Goberno central por enviar ás reunións a funcionarios sen posición “de mando” e que “carecen de decisión”.