O comité de Vestas dá por feito os despedimentos o 31 de decembro: “a empresa non ten intención de vender”

O presidente do comité sinala que "os datos son confidenciais, tanto pola Xunta como por Vestas".

Protesta traballadores de Vestas en Santiago/EP

O comité de empresa da planta de Vestas en Chavín dá por feito que todo o persoal, de 115 traballadores, irase á rúa o próximo 31 de decembro, á vez que ten a “impresión” de que a empresa “non ten intención de vender” a fábrica.

O presidente do comité, David Mariño, sinala que o 1 de xaneiro comezarán actividades de “servizos e formación”, que é algo que incluíu Vestas no expediente de regulación de emprego (ERE), recorrido polos representantes dos traballadores.

“Máis ou menos todo o mundo está ao corrente do que serán unhas recolocacións que afectarán a máis de 20 persoas”, engade Mariño, para quen “iso é o curto prazo e iso vai pasar se non hai cambios”, tendo en conta que a Xunta mantén aberta a procura de investidores para a factoría.

Así, subliña que “o principal cambio pasa por que apareza, por fin, un interesado en firme pola planta de Chavín”. Respecto diso, confesa que “sinceramente” ten a “impresión” de que a multinacional danesa de aeroxeradores “non ten intención de vender”.

Neste sentido, comenta que “os datos son confidenciais, tanto pola Xunta como por Vestas”, polo que descoñecen se as empresas “das que falan existen ou non existen”. “É todo confidencial, se soubésemos nomes, cifras… pero é que non sabemos absolutamente nada de nada sobre esas ofertas doutras empresas”, incide.

En canto a mobilizacións, avanza que “se ten que dar unha volta a todo isto”, coa prema de que restan tan só dúas semanas para que o ERE sexa efectivo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here