A mesa industrial aberta polo conflito da fábrica de Vestas en Chavín reúnese este venres por petición do comité de empresa. A cita está prevista para as 11,00 horas. Este mércores, o persoal da factoría empezou a recibir as cartas de despedimento por parte da multinacional, que prevé pechar o próximo día 31. En paralelo, e con esa data no horizonte, a Xunta busca investidores interesados en facerse coas instalacións, para manter a actividade e os postos de traballo.
EMPRESA
Nun comunicado, a empresa sinala que mantivo encontros con dous fondos de investimento “que se saldaron sen avances, ante a ausencia dun interese firme e real por parte dos potenciais investidores pola compra das instalacións de Vestas en Viveiro”. “O terceiro fondo de investimento proposto por KPMG xa manifestou non ter interese na operación, polo que non houbo reunión”, precisa.
Xunto aos representantes de Vestas e dos fondos de investimento, ao encontro deste mércores, segundo sinala a empresa, acudiron responsables de KPMG, consultora mandatada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e LHH, consultora contratada por Vestas. “Durante a reunión, ambos os fondos resaltaron que a operación non encaixa nos seus modelos de negocio e que non está incluída no seu portfolio de proxectos, así como que acudiron á reunión a petición de KPMG”, indica.
Así mesmo, segundo Vestas, “coincidiron en que, en calquera caso, aspirarían á compra dunha unidade produtiva completa, é dicir, incorporando plans de produción a longo prazo, un plan industrial que incluíse ordes e pedidos e un plan de investimento por parte de Vestas para, así, rendibilizar o seu investimento, máis adiante, coa venda da planta a un terceiro”.
Vestas mantén que o cesamento da actividade e, en consecuencia, o ERE, están “motivados pola obsolescencia dos produtos, a sobrecapacidade de produción e a redución de demanda en Europa”, polo que “non pode”, segundo asegura, “garantir tal produción, nin engadir carga de traballo a Viveiro”. Vestas mantén tamén, segundo afirma, o seu “compromiso de alongar o proceso de procura dun investidor ata finais de 2022”.