O Concello de Viveiro informa que na tarde de onte, mércores 15 de decembro, celebrouse unha conferencia do gaiteiro de Teo, Pablo Seoane no Conservatorio Profesional de Música. Na cita, o músico presentou ademais o seu libro O toque pechado.
Ao acto, organizado polo Departamento de Gaita do conservatorio, asistiu un numeroso público, quen cumpriu en todo momento a normativa COVID-19. Os asistentes puideron gozar do encontro con Pablo Seoane, quen amosou instrumentos e formas de tocar de diferentes áreas xeográficas de Galicia, poñendo en valor o patrimonio inmaterial galego.
Dende o Departamento de Gaita do Conservatorio, formado por Javier Pena “Bossa” e David Bellas, apóstase por unha formación íntegra do alumnado que con actos deste tipo pode acceder a información de primeira man cos seus creadores e recompiladores.
Por parte da concellería de Educación de Viveiro, valóranse positivamente este tipo de actividades, que contribúen a enriquecer e profundizar o coñecemento sobre diversos aspectos da música e os seus instrumentos.