O goberno logal de Viveiro emitiu un comunicado onde o concelleiro de Obras, Jesús Fernández Cal, responde ás críticas do PP sobre as obras de arranxo na rúa das Granxas en Covas. Así, o comunicado sinala que hai uns días aparecía unha nota na prensa co epígrafe: El PP afea al gobierno vivariense su “rotunda negativa” a arreglar la calle Granxas de Covas. A mencionada nota engadía: El PP de Viveiro lamenta que el gobierno local contestó con una “rotunda negativa” a su petición en el pleno de reparar el pavimento de la calle Granxas. “O máis curioso é que segundo dixo a alcaldesa esta rúa leva así desde que gobernaba o PP, é dicir, recoñece que o Concello non fixo nada por arranxala desde hai case 20 anos”, afirman.
O goberno local presidido por María Loureiro sinala que “nin nos negamos a reparar o pavimento de Granxas nin a Alcaldesa recoñeceu, por non responder á realidade, que esta non se arranxara dende hai case 20 anos”. Ademais, engaden que é lamentable constatar, unha vez máis, como o PP se presta a mentir, cun descaro impropio de responsables públicos, aos veciños co obxectivo de desacreditar ao goberno local.
Fernández Cal fixo referencia ás palabras da alcaldesa, María Loureiro, para responder ao grupo municipal do PP.
“As fochancas ás que vostede fai referencia son consecuencia de varias roturas na deteriorada rede de abastecemento de auga potable. As reparacións provisionais executounas a empresa responsable das redes de saneamento e de abastecemento. As pozas de auga son consecuencia de que na época na que gobernaba o Partido Popular non se instalaron reixas para a recollida de augas pluviais. Situacións como a da rúa Granxas era algo habitual noutra época. Pouco a pouco, cando as circunstancias o permitiron, este equipo de goberno regularizou o estado de numerosas rúas. Aínda está presente na memoria dos veciños as inundacións tanto na rúa principal do casco histórico de Viveiro como no barrio do Conexo en Covas.
Aínda que vostede pretende vender o contrario, este equipo de goberno atende ás súas obrigas coa dilixencia que as circunstancias o permiten. Teño que repetir por enésima vez que, a día de hoxe, é un exercicio pouco menos que imposible conseguir os servizos de empresas externas tanto de albanelería como de reposición de viais. Viaqua e este equipo de goberno levamos meses esperando que unha empresa do sector dea resposta as nosas solicitudes”.