O Concello de Viveiro destaca o éxito do encontro do club de lectura en feminino celebrado presencialmente onte na Biblioteca Municipal. O club de lectura é unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Viveiro, a través da concellería de Cultura e Muller e co apoio do Centro de Información á Muller (CIM).
O obxectivo deste proxecto é o fomento da cultura e da literatura cunha visión de igualdade de xénero. A obra comentada na pasada sesión foi “Los monólogos de la vagina”, da estadounidense Eve Ensler, un libro que está no centro da loita contra a violencia de xénero.
“Tiñamos moitas ganas de poñer en marcha este club de lectura, que nos permite reivindicar a literatura feminina, xerando conversacións e interese sobre esta”, subliña a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
A proposta literaria suscitou moito interese entre as persoas participantes, abrindo así un interesante debate sobre o libro. O próximo encontro deste club será telemático o próximo mércores 30 de marzo. A obra elixida para esta sesión será “Claves Ecofeministas”, de Alicia H. Puleo.
Dende o Concello de Viveiro agradécese a asistencia das persoas que participaron no encontro e agárdase que aquelas que non puideron formar parte, retomen a actividade. Ademais, recórdase que a participación na actividade continúa aberta e que nela poden participar tanto homes como mulleres.