O BNG viveirense presentou unha moción sinalando que “a sección civil dos xulgados viveirenses asumiron no ano 2021 un 70% máis de asuntos da súa capacidade total, segundo a estatística da carga de traballo por localidades que recolle o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX)”. Critican a avalancha de expedientes que se une á “enorme cantidade de asuntos que se foron acumulando durante estes últimos dez anos, o que provoca que o traballo que na actualidade soportan os dous xulgados de Viveiro sexa inabarcable”.
Segundo apuntan os nacionalistas de Viveiro, “as táboas porcentuais en relación aos módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza na xurisdición civil así o acreditan”. Isto tradúcese en que os asuntos ingresados durante o ano pasado “superan nun 69,26% o indicador máximo establecido polas máis altas institucións españolas neste eido, un dato que, fóra de conxelarse ou reducirse, continúa a medrar en cada anualidade”.
Na sección penal, o índice de entrada de asuntos está dentro dos módulos de referencia sinalados polo propio Poder Xudicial (un 30,90% por debaixo do nivel máximo), o que denota unha carga de traballo elevada pero asumible cos recursos dos que se dispoñen. Aínda así, a diferenza xeral que se establece para órganos xudiciais mixtos coma os de Viveiro (diferenza entre asuntos civís e asuntos penais), fixa nun 138,36% o traballo que asumen os dous órganos do partido xudicial viveirense, o que o sitúa como a sede con máis carga de traballo de toda Galiza.
No documento presentado sinalan ademais que o persoal dos Xulgados de Viveiro resulta ser o máis produtivo de toda a Administración de xustiza galega. Para xustificar este punto, apuntan a finais do ano 2020 cando o avogado especializado en dereito informático José Muelas Cerezuela, que manexaba datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, “publicaba no seu blog un artigo titulado Funcionarios de justicia y tópicos, onde o cadro de persoal da sede viveirense aparecía nos primeiros postos de produtividade de todo o Estado, en concreto no número 38, sendo os primeiros da Galiza“. Estes datos veñen ratificar que o traballo no partido xudicial de Viveiro sae adiante unicamente polaimplicación e profesionalidade das traballadoras e traballadores xudiciais.
Por último, sinalan que as Administracións continúan sen involucrarse o suficiente para poñer enriba da mesa unha solución definitiva. De feito, “o traballo que hoxe en día entra a diario nos Xulgados de Viveiro é tanto, que está a provocar o adiamento de xuízos e un inmenso retraso na tramitación dos expedientes”. É de xustiza a creación do terceiro xulgado de Viveiro, porque con datos máis optimistas que os deste partido xudicial tense aprobado a creación de outros órganos das mesmas características en provincias como Madrid, Asturias, Cádiz ou Ciudad Real nos últimos tempos.