O Concello de Viveiro informa nunha nota que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso contencioso administrativo interposto contra a resolución ditada pola Xunta de Galicia. Dita resolución está relacionada co procemento tramitado para a solicitude da subvención en réxime de concorrencia non competitiva correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental 2022.
En 2021 o Concello de Viveiro solicitou esta subvención para executar as obras de “Reposición de pavimentos, red de sumideros y red de abastecimiento de agua en aceras sitas en Magazos-Viveiro” . As axudas do Fondo de Compensación Ambiental, financiado cos ingresos obtidos no canon eólico, contan cunha liña de concorrencia non competitiva na que se contemplan as cantidades concretas que por este concepto lle corresponden a cada concello.
Trátase dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia na que se establecen as cantidades máximas asignadas a cada un dos concellos beneficiados, cantidades que están definidas na orde na que se regulan as bases e convocatoria. O consistorio viveirense insiste en que se trata “dun importe finalista e que lle corresponde ao Concello de Viveiro”.
Logo do anuncio da Xunta sobre a inadmisión da petición para o Fondo de Compensación Ambiental, o Concello de Viveiro convocou unha reunión cos voceiros dos distintos grupos municipais e na que tamén estiveron presentes os técnicos municipais, para explicar a situación e como se realizara a tramitación.
Durante a xuntanza valorouse a posibilidade de solicitar á Xunta de Galicia que esa cantidade, que era unha subvención finalista na que “estaba previsto un diñeiro específico para o Concello de Viveiro, volvese a repercutir neste municipio, segundo a posibilidade que se recolle nas bases”.
O recurso de reposición contra a inadmisión da Xunta materializouse logo de valorar “que non se contaba con garantías de que puidese repercutir ese diñeiro en Viveiro, co acordo dos voceiros municipais“. O recurso non tivo contestación no prazo legal estipulado, “entendéndose desestimado por silencio negativo, sen que a Xunta de Galicia se dignase a responder”.
Finalmente, convocouse unha nova reunión de voceiros para valorar a situación. Por parte de todos os voceiros municipais,”agás o do PP, que foi o único que non se manifestou abertamente, sen opoñerse pero manténdose neutral, acordouse a interposición de recurso contencioso administrativo no xulgado”.
O recurso contencioso administrativo presentado polo Concello de Viveiro contra a resolución ditada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo foi admitida a trámite polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.