O Concello de Viveiro lamenta e considera “inaceptables e moi tristes” os actos vandálicos ocorridos na pasada madrugada na avenida de Ramón Canosa e nos xardíns Noriega Varela.
Na avenida de Ramón Canosa, arrincáronse un total de oito árbores que foran plantadas o ano pasado, mentres que nos xardíns Noriega Varela rexistráronse destrozos en numerosas plantas en flor.
O Concello de Viveiro quere facer un chamamento público para que non se repitan nunca máis este tipo de actos vandálicos, unha conducta incívica e deplorable.
“Son feitos que non son habituais en Viveiro, temos uns veciños que en liñas xerais sempre demostran un comportamento exemplar, por iso consideramos inconcebibles estas actitudes; non é esta a imaxe que queremos para Viveiro, é tarefa de todos facer do noso concello un lugar mellor”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.