Os servizos de emerxencias de Viveiro controlaron durante esta noite unha fuga de amoníaco procedente do depósito dunha cámara frigorífica na lonxa de Celeiro, que non afectou a ningunha persoa.
Segundo informou o CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 22,15 horas, cando o amoníaco dun depósito se foi liberando debido a un escape nunha tubaxe do sistema de refrixeración.
A alerta sobre este suceso recibiuse a través da chamada dos traballadores, que informaban dunha “importante fuga” deste gas na zona de conxelado. Enseguida, foron mobilizados os Bombeiros de Viveiro, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil.
Finalizada a intervención, os servizos de emerxencias confirmaron que a perda tivo lugar pola rotura dun tubo da cámara frigorífica. Pola súa banda, os bombeiros realizaron medicións do ambiente que deron como resultado un nivel correcto de osíxeno.