A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, espera que a repatriación da moza morta na Habana, tras sorprendela a ela e ao seu noivo a explosión do pasado venres no Hotel Saratoga, se produza “canto antes”.
A moza Cristina L., de 29 anos de idade, faleceu como consecuencia desta explosión na que a súa parella resultou, ademais, ferida de gravidade e o home segue hospitalizado na capital cubana. A moza regalara esta viaxe a Cuba á súa parella polo seu trinta aniversario.
A rexedora vivariense indicou que agarda que a repatriación “sexa canto antes”. “Porque xa bastante dor, unha dor enorme, é o que temos que soportar para canto máis se atrasen estes trámites”, comentou. “Por parte do Goberno, tanto o delegado do Goberno en Galicia (José Miñones), como o presidente (Pedro Sánchez) dixeron que o van acelerar canto antes, esta semana, e esperamos que sexa así”, desexou.
María Loureiro describiu o suceso como de “auténtica mala sorte”. “Cando saíu a noticia da explosión (o venres) ninguén se podía imaxinar que entre os falecidos houbese uns veciños das Pontes (o home ferido) e de Viveiro e falecese Cristina”, lamentou. A alcaldesa constatou, seguidamente, que o sábado “todo Viveiro estivo consternado ante esta noticia”. “A maldita casualidade, a mala sorte. Foi unha pena moi grande”, lamentou emocionada.
A rexedora de Viveiro xa falou coa familia, cos pais da falecida, aos que transmitiu as súas “condolencias”. “Púxenme en contacto cos pais para transmitir as miñas condolencias e darlles o meu máis sentido pésame, tamén me puxen á súa disposición para o que necesiten. É a dor máis grande que lles pode pasar a uns pais”, sinalou.
Finalmente, indicou que non pode concretar polo momento o día en que chegará a comitiva fúnebre desde Cuba a Viveiro, e apuntou que só sabe que será a “o longo desta semana”.