O Concello de Viveiro colabora na primeira edición de “Walkfit”, unha actividade de adestramento ao aire libre impulsada pola adestradora Lorena Díaz. A iniciativa celébrase o próximo domingo 29 de maio, ás 10:30, percorrendo a vila de Viveiro con diferentes exercicios.
“Walkfit” é un camiño de adestramento en grupo ao aire libre que combina ao longo do seu recorrido, estacións de adestramento dirixidas por adestradores profesionais.
Este tipo de experiencias de benestar desenvólvense nun contexto urbano, neste caso, no propio centro de Viveiro e a súa periferia. Polo tanto, a vila de Viveiro convértese no propio ximnasio.
A iniciativa propón deste modo unir o deporte e gozar da vila. Ademais, os participantes portarán uns auriculares inalámbricos para recibir a música e a voz do instrutor.
En total, proponse un percorrido de 6 quilómetros, con diferentes estacións de adestramento. A saída será ás 10:30, na explanada do “pizzbur”, e a actividade rematará ás 12:30. Ofértanse 60 prazas, cun custo de inscrición de 15 euros. As inscricións poden realizarse no teléfono 622170260 ou no correo walk-fit@hotmail.com