O Concello de Viveiro pon dispoñible a información relacionada coa Feira Renacentista

O Concello de Viveiro adianta certos trámites relacionados coa feira, como o préstamo de mesas e cadeiras, alugueiro de traxes, solicitudes de postos de artesanía e de colocación de mesas para ceas e comidas na rúa.

Comitiva de Carlos V, na súa chegada a Viveiro. MERCADO RENACENTISTA DE VIVEIRO

O Concello de Viveiro presentará nos próximos días a programación da Feira Renacentista, que terá lugar do 7 ao 10 de xullo de 2022. Trátase dunha programación que ten como obxectivo ambientar a vila con actividades culturais e musicais.

O Concello de Viveiro adianta certos trámites relacionados coa feira, como o préstamo de mesas e cadeiras, alugueiro de traxes, solicitudes de postos de artesanía e de colocación de mesas para ceas e comidas na rúa.

Con respecto á celebración de comidas e ceas na rúa durante a xornada do sábado, todas as previsións apuntan ao incremento das comidas e ceas servidas polos locais de hostalería, ao que se suma que o material de titularidade municipal nunca alcanza para cubrir a demanda existente. Tendo en conta estas dúas situacións, nesta edición o Concello adoptou a decisión de facilitar o préstamo de mesas e cadeiras unicamente para comidas e ceas que teñan lugar o sábado organizadas por particulares.

A decisión adóptase atendendo á grande demanda de anos anteriores, que obrigaba a repartir o material existente entre todas as solicitudes presentadas e resultando que aos locais de hostalería se lles facilitaba unha cantidade ínfima con respecto ao número de mesas e cadeiras que solicitaban.

Para que o concello poida prestar mesas e cadeiras a particulares (para a celebración de comidas ou ceas o sábado 9 de xullo), é preciso que se presente unha solicitude por escrito, no rexistro municipal do concello, indicando o material solicitado, a ubicación na que se vai colocar a mesa, o número de participantes e o espazo público a ocupar, debendo axuntar documentación na que se reflexe a ubicación exacta e metros a ocupar.

Os locais de hostalería que desexen organizar comidas e ceas na rúa, nesa data, tamén deben presentar un escrito no rexistro municipal, indicando a ubicación na que se vai colocar a mesa, o número de participantes e o espazo público a ocupar, debendo axuntar documentación na que se reflexe a ubicación exacta e metros a ocupar.

Dende o concello quérese insistir na necesidade de que os datos que se faciliten nos escritos sexan o máis exactos posible, xa que en edicións constatouse unha diferencia notable entre as cifras comunicadas e as reais. Esta información será valorada na xunta de seguridade que se celebre ao respecto, co fin establecer os lugares nos que procede ou non autorizar a colocación de mesas, garantindo así a seguridade do evento. Con esta información, ademais, determinaranse os lugares do interior do casco histórico nos que o concello vai instalar baños sanitarios.

As solicitudes para a colocación de mesas na rúa a presentar por particulares e hostaleiros e para o préstamo de material para comidas e ceas organizadas por particulares deben presentarse no rexistro municipal entre o 13 e 22 de xuño de 2022. Non se atenderá ningunha solicitude presentada con posterioridade.

Para determinar o número de mesas e cadeiras que se presta a cada solicitante, terase en conta o número total de solicitudes e a dispoñibilidade do material. Porén, non se pode garantir satisfacer o 100% das necesidades de cada solicitante, mais intentarase distribuír o material existente entre todos as solicitudes. As persoas solicitantes deberán recoller e devolver o material concedido no lugar, data e hora que se lles será comunicado con antelación.

TRABALLOS DE ARTESANÍA

As persoas empadroadas no Concello de Viveiro que realicen traballos de artesanía que queiran instalar un posto de venda na feira deberán presentar unha solicitude no rexistro municipal entre o 13 e o 22 de xuño de 2022. En dita solicitude, farán constar os produtos que se pretende ofrecer e acompañando a solicitude dunha declaración xurada conforme dispoñen de todos os permisos necesarios para a actividade.

O modelo desta declaración será facilitado na casa do concello e a instalación destes postos será gratuíta. A xestión para a instalación destes postos levarase a cabo por parte da empresa contratada para a organización do evento, debendo pola súa parte aterse ás normas e horarios da feira.

ALUGUEIRO DE TRAXES

Infórmase, asemade, que a Hermandad del Prendimiento colaborará como en anos anteriores coa Feira Renacentista, alugando traxes de época e poñendo á venda a medalla conmemorativa, que este ano levará o escudo de San Xoán de Covas. O aluguer oscilará entre os 20 e 30 euros e a medalla venderase a 5 euros.

A sala de exposicións da Biblioteca Municipal, na que se poderán alugar os traxes, estará aberta a disposición do público dende o luns 27 de xuño ata o venres 8 de xullo, de luns a venres, de 18:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 11:00 a 13:00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here