O Concello de Viveiro anuncia o comezo do programa estival de visitas guiadas, que terá lugar desde este luns, 20 de xuño, ata o 18 de setembro. As actividades terán carácter gratuíto e se levarán a cabo todos os días da semana. Un dos seus alicientes será a ampla variedade da proposta, que vai desde visitas culturais a roteiros de sendeirismo, pasando por itinerarios panorámicos en múltiples lugares de interese do concello.
En concreto, haberá dous percorridos no Vivertren (Souto da Retorta os luns e a Área Etnográfica da Insua os domingos); dúas rutas de sendeirismo (Muíños de Balea os mércores; Monte San Roque os venres), e tres visitas polo casco histórico, nas que se propoñen distintas temáticas (o antigo recinto amurallado os martes, os barrios gremiais os xoves, e os séculos XIX e XX os sábados).
“Unha forma moi didáctica de coñecer a nosa historia e o noso patrimonio natural e cultural, polo que animo a veciños e turistas a inscribirse nas visitas”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Marisol Rey, destaca “a variedade das propostas todos os días da semana, coas que as persoas interesadas poden coñecer todo o concello, desde o casco histórico a Celeiro e Covas”.
Para participar, é necesaria reserva previa no mail viveirovisitas@gmail.com. Todas as actividades comezarán ás 11:00 horas desde a estación de autobuses de Viveiro. Aforo limitado e Información adicional no 634 631 461 e a través do QR (cartel adxunto).