O Concello de Viveiro acolleu esta mañá unha reunión da xunta local de seguridade para concretar e pechar o dispositivo especial que se porá en marcha durante o Resurrection Fest 2022, que se celebra desde o mércores, 29 de xuño, ata o domingo.
Na reunión estiveron a alcaldesa, María Loureiro; a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o tenente de alcalde, Xesús Fernández, membros da organización do festival e representantes das forzas de seguridade.
As previsións son moi boas e Viveiro recibirá esta semana a milleiros de persoas, xa que o Resurrection é un festival de referencia internacional. Será un evento que repercutirá moi positivamente na economía local.
A xunta concretou esta mañá todos os detalles para garantir a seguridade e durante os días de festival haberá algunhas modificacións no tráfico, polo que o concello pide disculpas polas molestas que poidan ocasionar.
Posteriormente, no acto de presentación oficial do Resurrection Fest 2022, a alcaldesa de Viveiro destacou “a convivencia entre os asistentes ao festival e os nosos veciños, aos que quero agradecer a súa colaboración”.
“Quero poñer en valor ademais o traballo da organización e lembrarme do anterior alcalde, Melchor Roel, por apostar por este festival; por último, agradecer o apoio da Deputación de Lugo, a Xunta e os patrocinadores privados”, engadiu.
O concello lembra os seguintes cambios ou modificacións na circulación:
-Rúa Lavandeiras: habilitarase dobre sentido de circulación desde a Conserveira ata a intersección con Avd. Ramón Canosa (Praza Naufrago) desde o luns 27 de xuño ata o martes 5 de xullo.
-Avd. de Ramón Canosa: tramo que discorre por diante da Consellería do Mar de Celeiro, comprendido entre a Depuradora e o cruce da piscina. Verase restrinxida a circulación (só permitida para autorizados) durante a celebración do Festival (de mércores a domingo).
-O venres día 1 de xullo celebrarase o mercado de feira na explanada de estacionamento da Variante, como é habitual, polo que se necesitará que, en horario de 06:00 horas a 16:00 horas, esté libre de vehículos para que se poidan montar os postos do mercado e realizar os labores de limpeza unha vez finalice.