Celeiro recorda ás persoas falecidas no mar cun acto que contou co apoio do Concello de Viveiro

O acto foi organización pola Comisión pro-Monumento ao Náufrago e consistíu nunha misa en recordo dos náufragos da galerna de 1961.


Celeiro acolleu onte a tradicional misa en recordo de todos os falecidos no mar, organizada pola Comisión Pro-monumento ao Náufrago coa colaboración do Concello de Viveiro.

Como cada ano, o 12 de xullo celebrouse en Celeiro esta misa anual por todos os falecidos no mar, lembrando a data na que se produciu a galerna que en 1961 provocou o afundimento de catro embarcacións, tres do porto de Celeiro (o Badiola, o Todos los Santos e o Mari Loly Grela), e unha do porto de Espasante (o Santa Lucía), causando un total de trinta vítimas mortais, das que 29 desapareceron no Cantábrico.

Este ano a misa puido celebrarse novamente na Praza do Náufrago, despois de que nos dous últimos anos, como consecuencia da pandemia, se oficiase dentro da Igrexa de Celeiro. A praza en memoria das xentes do mar inaugurouse en 1995 e, dende ese ano, a Comisión Pro-monumento ao Náufrago encárgase da organización desta emotiva misa.

Nesta ocasión, a celebración eucarística estivo presidida polo párroco de Celeiro, Juan Novo Gabeiras, e armonizada polo grupo Sons de Celeiro. Entre as autoridades civís e militares que acudiron á Misa do Náufrago, estiveron presentes a alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro García, membros do equipo de goberno e algúns concelleiros dos grupos da corporación.

Ademais de colaborar coa comisión para a organización da Misa do Náugrago, o Concello de Viveiro encárgase durante todo o ano do acondicionamento e adecentamento desta praza.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here