O PP viveirense acusa á alcaldesa de escapar “como gato da auga” ante a conservación do patrimonio histórico

O PP explica que Viveiro precisa instalacións para numerosos fins, "dende mostrar pezas do patrimonio histórico ao uso como local para desenvolvemento de distintas actividades cidadás e municipais”.


O portavoz do PP de Viveiro, Óscar Rodríguez, anunciou que o seu grupo presentará unha nova iniciativa con respecto ao tratamento do Concello ao patrimonio histórico. Os populares sinala que a alcaldesa María Loureiro “escapa como gato da auga quente de todo o que teña que ver con facerse cargo de edificios que son representativos de Viveiro e que poderían dar moito xogo na vida da cidade”.

Os populares sinalan que a corporación aprobou “polo menos dúas mocións para negociar con Portos a cesión do peirao vello e, con ela, da Casa do Práctico do porto, non deu paso ningún para cumprir esta decisión plenaria”.

Segundo o PP, a Casa do Práctico do porto precisa dunha rehabilitación para “evitar o estado de ruína”. Reclaman que o Concello empece a xestionar con Portos a cesión deste inmoble no marco da cesión dos terreos do peirao vello para que pase a titularidade municipal e xestionar a rehabilitación.

Rodríguez destaca que o citado inmoble forma parte, en gran medida, do “escaparate de Viveiro, é dicir, da carta de presentación da cidade a cantos chegan a ela”. O portavoz popular explica que Viveiro precisa instalacións para numerosos fins, “dende mostrar pezas do patrimonio histórico ao uso como local para desenvolvemento de distintas actividades cidadás e municipais”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here