O goberno municipal de Viveiro enviu este xoves unha nota coa que “quere aclarar, a raíz das declaracións realizadas pola voceira do BNG en relación coa súa proposta á organización do Resurrection Fest, que as torretas de iluminación do campo de Lavandeiras pertencen ao Concello de Viveiro”. A instalación foi parte dos traballos realizados nos últimos anos na zona de Lavandeiras, “permanecendo instaladas ao longo de todo o ano”.
Por outra parte, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro están negociando un convenio para realizar diversas actuacións de mellora no Campo de Lavandeiras. Os traballos incluirán unha dotación de vestiarios e banquillos, así como traballos para garantir o abastecemento eléctrico en todo o campo para a súa actividade deportiva habitual.
O Concello sinala sobre isto último que “é unha cuestión que a voceira do BNG debería coñecer, tendo en conta que estaba presente na reunión que este concello mantivo co Deputado Provincial de Deportes”.
Desta maneira, o Concello sinala que o Campo de Lavandeiras conta coa infraestrutura básica (torretas de iluminación, canalización, ente outras facilidades), “estando simplemente pendente da súa adaptación e alta para as actividades deportivas”.
Segundo o goberno local, o único que fai a organización do Resurrection Fest é contratar e instalar para eses días o cadro eléctrico coa potencia que necesitan para un festival destas características.