O Concello de Viveiro puxo en marcha no día de hoxe, coincidindo co comezo do curso escolar, todos os servizos nos centros de ensino que son de competencia municipal, en coordinación coa comunidade educativa.
“O ensino público é unha prioridade para o noso grupo de goberno, por iso a nosa colaboración e a implicación cos centros é constante, e quero aproveitar o primeiro día de clase para agradecer o traballo da comunidade educativa de Viveiro”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Entre os servizos xestionados polo concello, destaca o de Madrugadores na Escola de Educación Infantil San Roque e no CEIP de Celeiro, os centros onde os pais e nais o demandaron. O concello aporta persoal municipal e os alimentos para os nenos e nenas, facilitando a conciliación da vida familiar e laboral.
Son ademais de competencia municipal os servizos de limpeza e conserxería dos centros educativos. O concello asume tamén nos IES os custos de enerxía, mantemento das caldeiras ou xardinería, entre outros.
A colaboración cos centros abarca outras actividades, como a cesión das instalacións municipais para actividades de ocio e lecer, ou dos autobuses para visitas escolares e viaxes fin de curso.
“Os concellos asumimos en moitas ocasións competencias impropias en materia educativa, como pasou durante a pandemia, pero queremos que os nosos nenos e nenas reciban a súa formación nas mellores condicións posibles”, engade Loureiro.