InicioOccidentalViveiroMaría Loureiro reclama medidas urxentes a Sanidade para reforzar o centro de...

María Loureiro reclama medidas urxentes a Sanidade para reforzar o centro de saúde viveirense

A alcaldesa de Viveiro participou esta mañá nunha recollida de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Lexislativa Popular, demandando medidas urxentes para mellorar a atención primaria.

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, demanda ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, que adopte as medidas necesarias para solucionar a situación caótica do centro de saúde e do conxunto da atención primaria na comarca.

Nunha carta remitida este mesmo martes ao conselleiro, Loureiro expresa a súa “preocupación e malestar pola situación que está a sufrir o Centro de Saúde de Viveiro e as súas graves consecuencias para todos os veciños e veciñas”.

Este pasado luns 12 de setembro o Centro de Sáude de Viveiro viviu unha nova xornada de caos, tendo en conta que houbo só dúas médicas para atender a unha poboación de quince mil persoas, ademais dos desprazamentos. Este martes eran tres as facultativas que atendían á poboación no Centro de Saúde. “É inaceptable que, dunha plantilla de dez facultativos, queden só dúas médicas que, ante esta situación, se viron obrigadas a atender unicamente as urxencias” sinalan desde o Concello de Viveiro nunha nota de prensa.

“Hai tempo que se vén denunciando a falta de cobertura dos facultativos que se atopan en situación de baixa ou disfrutando dos permisos e vacacións regulamentarios, a falta de persoal, problemas na atención telefónica ou o mal funcionamento do PAC, no que se presta atención aos veciños de Ourol, O Vicedo e Viveiro e que, ante esta situación, están acudindo directamente ao servizo de urxencias do Hospital de Burela”, engade a alcaldesa María Loureiro.

“Ante esta situación é necesario que a Consellería de Sanidade adopte as medidas oportunas para garantir unha correcta prestación do servizo, evitando que estas graves deficiencias se volvan a producir”, remata.

A alcaldesa aproveitou a carta para informar ao conselleiro de que ten solicitada desde xaneiro, xunto coa Plataforma Sanitaria da Mariña, unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, para falar da situación na que se atopan os centros de saúde da comarca, indicando xa no seu momento que se invitaría aos demais alcaldes e alcaldesas da Mariña.

“Tendo en conta o tempo transcorrido dende a solicitude desta xuntanza, en xaneiro deste ano, é polo que solicito que realice as xestións oportunas co fin de poder ser recibidos por Ramón Ares”, apunta María Loureiro.

Por outra parte, a alcaldesa participou esta mañá nunha recollida de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Lexislativa Popular, demandando medidas urxentes para mellorar a atención primaria.

ÚLTIMAS

Retrasarase a ampliación da balsa de lodos de Alcoa?

O comité de Alcoa informa de que "faltan algunhas aprobacións" da Xunta para a luz verde á ampliación...

O Concello de Viveiro leva aos institutos as actividades do 25N

A programación do Concello de Viveiro con motivo do 25N, o Día Internacional da...

Burela informará o venres á hostalaría local sobre o a implantación do contedor marrón

O Concello de Burela está a preparar a implantación do contedor marrón de...

O Concello de Burela tratará no pleno ordinario a aprobación dunha nova ordenanza de tráfico

O Concello de Burela celebra mañá, xoves día 30 de novembro, un novo pleno...