O BNG de Viveiro recolleu sinaturas durante o pasado domingo 18 de setembro para solicitar ao concello a accesibilidade de vehículos de emerxencias e outros servizos básicos na rúa Calvario no barrio da Misericordia.
A portavoz do BNG viveirense, Míriam Bermúdez, indicou que “estas sinaturas servirán para que a veciñanza poda incluír na sesión plenaria este asunto e exixir á alcaldesa que tome cartas no asunto resolvendo a situación desta veciñanza que está a pagar os seus impostos sen poder recibir servizos básicos dende hai décadas”.
Bermúdez sinala que se debería modificar a normativa para poder abrir unha “pista proxectada dende hai anos permitindo así o acceso de bombeiros, ambulancias e dando saída a este acceso que non a ten”.
A portavoz do BNG viveirense declarou que a alcaldesa “María Loureiro lle negou a palabra á veciñanza”. Ante isto, sinala que coa recollida de sinaturas permitirá que poidan intervir directamente as persoas afectadas na sesión plenaria e sexan escoitadas.